Sandiás terá este Nadal unha programación de actividades para todos os públicos. Desenvolveranse seis temáticas propias destas festas: a ambientación e decoración, festa para @s máis pequen@s, música de cámara, maxia, recuperación de tradicións como os Reis Meigos e Cantar os Reis e finalmente, a campaña de solidariedade. O programa foi presentado polo alcalde, Felipe Traveso, e os concelleira de cultura, Pepe Gándara; xustiza social e participación cidadá ,Pilar Cabrera; e economía e medio ambiente, María José Manso.
En relación coa ambientación e decoración volve á casa do concello: a casa, o tren, os coellos, os cervos, a ponte, o pescador e unha novidade, a presenza da torre do Castro, emblema simbólico do concello. A decoración abarcará tamén ás 18 aldeas do concello con pequenos pero significativos motivos do Nadal que acendan a maxia e a ilusión das veciñas e dos veciños nestas festas. O material será como sempre de baixo custo e con material reciclado modelado de maneira entusiasta polas brigadas do concello e a axuda de veciños.
A festa para @s máis pequen@s estará protagoniza polo alumnado do C.E.I.P. de Sandiás e @s máis pequen@s do Punto de Atención Infantil (PAI). Celebrarase coa colaboración do concello, do C.E.I.P., o PAI e o AMPA de Sandiás. Celebrarase o 23 de Decembro pola tarde, con sorpresas ao final.
A música tamén terá o seu protagonismo no Nadal de Sandiás. Abriremos o Nadal co I Concerto de Coro de Cámara “Madrigalia” (A Coruña) cun programa musical de Nadal con perspectiva de xénero, tanto no que respecta a autoría das obras como a súa interpretación. Realizarase na Igrexa de Santo Estevo, unha magnífica localización onde serán protagonistas a boa sonoridade da nave central e o retablo do famoso escultor Francisco de Moure. Será o xoves 22 de decembro ás 19.00 horas da tarde.
Non podía faltar nestas festas un espectáculo de maxia, “Unha noite máxica”, protagonizado polo mago e ilusionista Jose Rivera. Terá lugar o xoves 29 de Decembro ás 20.00 h na Casa de Cultura. Tamén haberá contos de Nadal para @s máis cativ@s narrados coa colaboración de Cristina, coordinadora do Punto de Atención Infantil (PAI).
O Nadal é un bo momento para recuperar e manter tradicións. Neste caso teremos a Visita dos Reis Meigos aos máis pequenos e pequeñas o xoves 5 xaneiro pola tarde. Tamén recuperamos a tradición do Cantar os Reis en colaboración co CDR O Viso, o xoves 5 de xaneiro pola mañá.
Finalmente, hai que destacar a campaña de solidariedade arredor da recollida de diñeiro, alimentos e roupa coordinada entre o concello e as parroquias de Piñeira, Couso e Sandiás. Deu comezo o 14 de novembro e finalizará o 21 de decembro. Os alimentos irán ao Banco de Alimento de Ourense, a roupa ao almacén de Cáritas do arciprestado de Xinzo de Limia e o diñeiro doado investirase en gran parte na potenciación do comercio local do concello.