No marco do Proxecto de Dinamización Socio-Comunitaria, o Concello de Sandiás, en colaboración co Centro de Saúde Local, organizou o xoves 14 de novembro, de 12:30 h a 13:30 h, unha visita guiada para 43 alumnos e alumnas do CEIP de Sandiás, acompañados por 9 educadores. O obxectivo foi coñecer o Centro de Saúde do seu concello.
A visita estivo dirixida polo médico titular de Sandiás, Doutor Álvaro de Castro, e o equipo de saúde, formado por Álvaro, Lorena e Eva, nunha iniciativa de saúde comunitaria que buscou achegar os centros de saúde e os profesionais que traballan neles á poboación máis nova do concello. Este proxecto promove un ambiente que favoreza o intercambio e afiance unha relación profesional-paciente.
Entre as actividades realizadas destacaron: coñecer o traballo dos distintos profesionais, ter contacto directo con eles, manipular instrumental utilizado nas consultas, contribuír a diminuír o medo e a ansiedade dos nenos e nenas á hora de acudir ao centro, observar o funcionamento dos equipos de traballo e formularlles preguntas aos profesionais sobre temas do seu interese.
Os nenos e meniñas visitaron a sala de visitas e o portelo do recibidor, onde a administrativa Eva atende con moito detalle aos pacientes. Posteriormente, pasaron á sala onde o médico Álvaro explicou, de xeito moi didáctico, o corpo humano empregando un modelo de anatomía humana, falou da importancia do corazón e mostrou instrumentos como otoscopios e fonendoscopios que os nenos puideron observar e manipular.
Na sala de enfermería, atendida por Lorena, aprenderon sobre as curas, destacándose que a enfermeira é unha das figuras máis próximas aos pacientes. Algún alumno destacou por saber que esa mañá se celebraba o Día Internacional da Diabetes. Na sala de polivalentes, indicouse que esta ten varios usos, como administrar osíxeno, realizar electrocardiogramas ou utilizar o desfibrilador. O alumnado fixo numerosas preguntas, especialmente relacionadas coa reanimación e o estado de coma de pacientes. Tamén se lles mostrou unha novidade: o dispositivo MESI inalámbrico e portátil para realizar análises avanzadas.
Ademais, visitaron a sala de respiratorios, dedicada actualmente aos pacientes con afeccións por Covid. Para finalizar, na sala de visitas, o Doutor Álvaro respondeu a unha gran variedade de preguntas do alumnado sobre temas como a importancia da máscara, o lavado de mans, os mareos, as amputacións e os remedios para os infartos, entre outros.
Aínda que para algúns esta non foi a súa primeira visita ao Centro de Saúde, nesta ocasión estiveron acompañados polos seus compañeiros e educadores. A actividade, guiada polo persoal do centro, tamén serviu para mostrar o traballo do persoal de recepción, médico e de enfermería, permitindo un contacto máis próximo cos profesionais. Tanto o alumnado como o equipo médico quedaron moi satisfeitos coa experiencia.