Descubrindo a Limia e a Lagoa de Antela cos cinco sentidos: historia, biodiversidade e observación de aves

O pasado xoves 23 de Xullo, os máis cativos do PAI de Sandiás viviron unha enriquecedora xornada de aprendizaxe coa súa visita á Casa da Lagoa, un espazo que lles permitiu achegarse á historia e ao patrimonio natural da nosa contorna.

Ao longo do percorrido, os nenos e nenas descubriron, a través de grandes paneis fotográficos, como era a paisaxe da Limia hai moitos anos. Observaron que daquela existía unha gran extensión de auga e que as barcas formaban parte da vida cotiá da zona. Precisamente, na entrada do museo puideron contemplar unha embarcación tradicional, subir nela e imaxinar como sería a vida das persoas que habitaron este espazo.

A visita continuou coa observación de fotografías de diferentes especies de aves, moitas das cales xa coñecían grazas ao obradoiro realizado por Reme Cid na visita do Proxecto Furgoteca hai uns meses. Tamén descubriron as distintas especies de patos propias da zona e experimentaron coas diferentes texturas das areas características da Limia, convertendo a aprendizaxe nunha experiencia sensorial. Para rematar a visita, participaron nunha actividade interactiva nunha pantalla LED, na que puxeron a proba os seus coñecementos identificando as siluetas das aves máis comúns da contorna e tamén dalgúns réptiles.

Na visita acompañaron aos nenos e nenas o guía da Casa da Lagoa, Álex de los Ríos, ademais dos seus familiares e do equipo educativo, facendo desta actividade unha experiencia compartida e moi enriquecedora.

A xornada completouse cunha merenda no monte, onde os pequenos aproveitaron para utilizar uns prismáticos e observar as aves que sobrevoaban a zona. A natureza agasallounos coa presenza dunha fermosa cegoña, ademais doutras especies como o paporrubio, o reiseñor, o pardal e moitas máis. Esta saída permitiu que o alumnado aprendese de maneira activa e vivencial, fortalecendo o coñecemento da historia, da biodiversidade e da importancia de conservar o valioso patrimonio natural da Limia.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.