O pasado sábado 28 de marzo pola mañá tivo lugar a andaina organizada polo CDR O Viso en colaboración co Concello de Sandiás.
Grazas as persoas de diversas aldeas da comarca da Limia con idades comprendidas entre poucos anos e os setenta anos xuntáronse para camiñar e descubrir recunchos fermosos da nosa comarca da Limia. Fíxose unha andaina que tiña como punto de partida do camiño real o lugar chamado » A Nogueira» e como destino a área recreativa de Piñeira de Arcos, unha carballeira con pradería, campo de fútbol, randeeiras e bancos. Recentemente, impulsouse a mellora deste itinerario coa creación dunha senda peonil desde “O Castrón” no alto do Novaiño ata San Salvador dos Penedos en Allariz facilitando o tránsito seguro tanto de veciños como de peregrinos que seguen a Vía da Prata. Estes itinerarios encádranse no programa COÑECER, SENTIR E VIVIR SANDIÁS propostos pola Concellería de Cultura e, neste ano, dedicado ao xeógrafo do paisaxe e gran amante do camiño Ramón Otero Pedrayo (“Só andando a pé, de maneira esforzada, sen presas, polos camiños rurais, en contacto coa paisaxe a as xentes, pódese coñecer e chegar a amar a terra propia”).
As meniñas e nenos que acompañaron en familia viviron o camiño con alegría observando, explorando, parando centos de veces atraídos polo que lles ofrece o camiño de terra, o monte, o agromar da natureza, os prados: apañaron follas, recolleron liques, pedras, fixeron equilibros polas poldras do nacente do regato Piñeira, asombráronse coa auga dos remuíños da canle do rio, picaron as pernas coas hortigas do carreiro, fixeron preguntas e aínda que non o parece tamén escoitaban o que ían falando os adultos, . As persoas adultas contemplaron e coñeceron curiosidades sobre a riqueza paisaxística e o patrimonio cultural do camiño ou Verea Vella. Tamén a andaina tivo en conta a toma de conciencia do problema dos lixos e dos plásticos e cristais que poden contaminar o solo e as aves. Ao longo do itinerario con bolsas e luvas fóronse recollendo restos atopados.
Tivemos tamén momentos culturais onde aprender, valorar, sentir e experimentar algunhas cousas como o topónimos Nogueira, Piñeira e Arcos; a diferencia entre o camiño real (Vrea Vella) e o Camiño de Peregrinación ou de Santiago, descubrir a fonte de mina e as lagas da Nogueira, os vi ilustres que pasaron por esta verea (Felipe o Fermoso, Xoana a Tola, o Intendente de Camiños, o ilustrado coruñés Cornide…), peregriños mortos e enterrados no cemiterio de Sandiás. Ao longo do camiño descubrimos as corredoiras estreitas con muros de pedra seca, a ermida de Santa Mariña, virxen, moura, santa e deusa Navia vinculada coa auga e co alén; o Monte Pendón onde, segundo Elixio Rivas “rubía denantes a procesión coa Santa Mariña” e emplazamento do famoso Castro-Santuario; as graburas dun cáprido nunha pena preto da capela coñecidas como “O Penedo da Cabra” e hoxe desaparecidas.
A segunda parte da andaina comeza ao carón do leito do regato Piñeira dende o pontillón de Piñeira de Arriba de catro entradas de auga ata os pontillóns do Barrio das Casas da Ponte de dúas cepas e tres vanos, cun cauce por momentos meandriforme e de escaso caudal onde atopamos fermosos exemplares dos primeiros lavadoiros de río que eran lugares naturais con rochas planas a ras do chan inclinadas hacia a corrente de auga e cun apoio na base tamén de pedra. Nestes lavadoiros comunais as mulleres foron tradicionalmente as encargadas do lavado da roupa, máis non só para iso servian: nos lavadoiros difundíanse os chismes da aldea, selábanse amizades ou granxeábanse envexas e tamén eran espazos liberadores de confidencias e brincadeiras. De feito, ditos como «lavar os trapos sucios» ou «non falar cando hai roupa tendida», proceden daquél microcosmos de auga, xabón, pedra, tinas e roupa secándose ao sol en prados ao abeiro das leiras e os ríos por onde pasamos paseniños por ises antergos prados denominados “As Trabes”, “Xurtiños”, “A Costa”, “Os Liñares”, “A Cal”, etc. Botámoslle un chisco de ollo a fonte da Costa e o canle de pedra de longo recorrido que levaba a auga ao muiño do Pérez Rumbao. Polas dificultades do terreo para os mais cativeiros, sendeiros estreitos, anacos do camilño con bulleiro e múltiples paradas fixeron que quedara sen visitar a arquitectura do auga no barrio das Casas da Ponte, a impoñente reitoral á beira da Verea Vella e a área Recreativa de Piñeira. Finalizou a andaina coa entrega dun premio infantil (As lendas da Lagoa de Antela) e un premio adulto ( Tres puntos de vista sobre o Forum Limicorum) aos participantes que souberon responder a dúas preguntas sobre a memoria e a historia percorrida.
O magnífico desta iniciativa do Cdr O Viso é que mextura a experiencia interxeracional de persoas de distintas idades e constitúe unha ferramenta esencial para potenciar as capacidades sociais da persoa maior e dos nenos e nenas desenvolta nun medio de aprendizaxe aberta como é o natural e social. Canto gañariamos se as familias e as escolas se mergullasen nestes contornos marabillosos que nos rodean! O que fai especiais estes encontros é o feito de irmos sen máis expectativas que gozar do camiño, escoitar historias e memorias e tomar contacto coa xente póndolle cara e nome ao patrimonio material e inmaterial dos nosos devanceiros. Non son simples percorridos pola paisaxe, queren ser “camiñatas con alma”: itinerarios que contan historias, transmiten valores e deixan pegada nas persoas.
A actividade organizada polo Cdr O Viso está enmarcada no programa O Noso Espazo, financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través das axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas. Pretende poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico… e, sobre todo, o patrimonio humano.
Desexándo vernos pronto noutra xeira interxeracional, damos a grazas ao Cdr O Viso e aos veciñ@ das distintas aldeas por contar co territorio e as xentes de Sandiás.