Día Mundial dos Humidais 2025

O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás acolleu unha xornada especial organizada por SEO/BirdLife, en colaboración coa SGO e a SGHN

O pasado 1 de febreiro, sábado, o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, acolleu unha xornada especial para conmemorar o Día Mundial dos Humidais 2025, coa participación de 91 persoas, ás que lles damos as grazas pola súa implicación nesta actividade de sensibilización.

O evento, organizado por SEO/BirdLife, contou coa participación da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e tivo como eixo central a Lagoa de Antela, considerada un humidal esquecido tras ser desecada a mediados do século XX.

Saúdos iniciais, relatores, participación institucional e agasallos

O acto comezou coa presentación do alcalde Felipe Traveso, que agradeceu a participación masiva nas xornadas e deu as grazas aos presentes, entre eles representantes da Administración Autonómica, alcaldes e concelleiros de concellos limítrofes, así como especialistas nos relatorios. Tamén agradeceu á organización nacional SEO/BirdLife por ter situado este importante evento no Concello de Sandiás.

Por parte da Administración, estivo presente a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático na provincia de Ourense, María José Fernández Laso; Ramón Martí Montes, director de Desenvolvemento Institucional de SEO/BirdLife; Gustavo Ferreiro, representante de SEO/BirdLife en Galicia; Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN); Diego Vieites, especialista en ornitoloxía; así como o alcalde de Vilar de Barrio e o concelleiro de Vilar de Santos.

Finalmente, o coordinador do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, Pepe Gándara, entregou varios agasallos aos relatores principais da mesa:

  • O libro Oceanoe. Travessia polo Mar das Antelas, unha preciosa obra que mostra unha travesía musical por diversos recunchos da Lagoa, precedida dun conto escrito nun estilo de realismo máxico.
  • Sandiás, a Lagoa de Antela e Nós, de Alex De los Ríos, onde se presenta unha escolma de textos en relación coa Lagoa.
  • A revolta da Lagoa, do escritor limián Rafael Laso, unha magnífica testemuña da memoria dos chamados da Lagoa, dos sons e imaxes do pasado que nos axuda a imaxinar a lagoa no presente.

Tamén se destacou a importancia da transferencia de coñecemento que teñen estes encontros para a renovación da museística e o discurso didáctico nas visitas guiadas da «Casa da Lagoa».

Relatorios, preguntas do público e saída de campo: visita ao complexo húmido Limia/Antela

Durante a xornada, presentouse o informe de SEO/BirdLife sobre a situación actual dos humidais en España, a cargo de Ramón Martí. Ademais, tratáronse os valores ornitolóxicos da Limia e posibles modelos de recuperación destas zonas con Diego Vieites.

Gustavo Ferreira, delegado de SEO/BirdLife, declarou ao xornal La Región que, segundo un recente informe, «o 70% dos humidais a nivel nacional están en mal estado», salientando o contexto actual de cambio climático e agresións humanas. «A peor parte está nas rexións mediterráneas. No caso do clima atlántico, a situación é un pouco mellor, pero sen descoidarse».

Afondouse, de maneira particular, na historia e futuro da Lagoa de Antela a cargo de Serafín González, presidente da SGHN. Fixo un magnífico percorrido pola historia da Lagoa e a súa morfoloxía, valéndose de documentación cartográfica histórica. Así mesmo, puxo de manifesto as diversas problemáticas existentes no humidal natural e propostas concretas de restauración.

A programación incluíu tamén unha saída de campo para visitar os humidais naturais e artificiais da Limia, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza ambiental desta contorna. Para facilitar o desprazamento, dispúxose dun microbús ata cubrir as prazas, así como de vehículos particulares. A visita guiada levouna a cabo Serafín González, presidente da SGHN.

Os asistentes achegáronse, en primeiro lugar, ao proxecto da SGHN denominado Poza das Conícoras, dentro da Sección Antela. Inclúe unha zona areeira sobre a que se asinou un acordo de custodia do territorio. Remodeláronse as beiras buscando a creación de bancos areosos e limosos, mellorando a interfase entre o medio acuático e o terrestre para facilitar a colonización vexetal das beiras, a alimentación das aves e a súa cría.

A seguinte parada foi no chamado observatorio ornitolóxico 2, ou «Casa dos Terróns«, denominación que ten que ver coas “felpas” feitas no seu tempo coa mestura de terra e o xunco chamado beón.

Finalmente, visitouse o proxecto da Veiga de Gomareite, que forma parte tamén dun proxecto de restauración ambiental da SGHN. Este espazo conta cun acordo de custodia do territorio compartido cun gandeiro local de vacún en extensivo. Utilizouse durante moito tempo para depositar restos de concentracións parcelarias (muros, pedras e tocos de árbores) e, co paso do tempo, outros tipos de residuos. As pedras de concentración foron reutilizadas para reter a auga, e recentemente creáronse promontorios a modo de observatorios ornitolóxicos. O resultado é un humidal pastoreado e unha recuperación rápida da Veiga, que foi colonizada por Eryngium viviparum (en 20 hectáreas reside a cuarta parte da súa poboación).

Este proceso tivo un efecto positivo sobre a Conícora e o Lepidurus apus e dispón de boas condicións para diversas especies como o Espiñento, a raniña de San Antón, o lagarto verdinegro, a cabra do aire, o sapo de esporóns, o aguilucho cenizo e pálido, o sisón, o alcaraván, o chorlitejo chico, a agachadiza, a choromica e o mazarico real.

Con esta xornada, o Concello de Sandiás e o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela buscaron poñer en valor o patrimonio natural e sensibilizar sobre a importancia da conservación dos humidais. En definitiva, unha oportunidade única para coñecer e valorar o noso patrimonio natural!

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?