Na tarde do pasado venres, o PAI de Sandiás acolleu o obradoiro de canticontos “Dos pés á cabeza”, unha actividade dirixida ao público infantil e ás súas familias que encheu o espazo de imaxinación, música e moita participación. A sesión estivo guiada pola narradora e animadora Getsemaní Valenzuela, quen conseguiu crear un ambiente cálido e cheo de maxia desde o primeiro momento onde os protagonistas foron a música, a narración oral e o movemento.
Ao longo da actividade, Getsemaní deu vida a diferentes historias como Que granxa tan divertida!, Lúa, La escalera roja, entre outros contos, que ían aparecendo dunha orixinal maleta de cesto, sorprendendo aos máis pequenos en cada nova narración. Getsemaní empregou diferentes recursos para converter cada conto nunha experiencia única: marionetas, dramatizacións, cancións, bailes e a interpretación de melodías coa melódica, ademais de materiais como panos de cores, cos que invitou aos nenos e nenas a participar activamente.
As familias tamén se implicaron nas propostas, compartindo cos seus fillos e fillas un momento de lecer e aprendizaxe a través da lectura, a música e o xogo. As risas, os aplausos e a ilusión dos participantes foron a mellor mostra do éxito da actividade.
Este obradoiro puxo de manifesto o valor dos contos e da música como ferramentas para fomentar a creatividade, a expresión artística e o gusto pola lectura desde as primeiras idades, ofrecendo ademais un espazo de encontro interxeracional no que pequenos e maiores gozaron dunha tarde inesquecible. A ilustración “Preferidonio”, da artista Natalia Estrella, acompañou a proposta, achegando un elemento visual que completou unha actividade deseñada para aprender, experimentar e compartir en familia.