O pasado venres, 7 de marzo, ás 20:00 h, na Casa da Cultura do Concello de Sandiás, presentouse, con motivo do Día Internacional da Muller, a biografía de tres mulleres senlleiras de Sandiás recollida no libro Mulleres ilustradas da Limia, nos eidos das liberdades democráticas, do emprendemento económico e cultural e da política municipalista local. O libro foi elaborado polo CEIP Rosalía de Castro, a ANPA do CEIP Rosalía de Castro e contou coa colaboración do Centro de Desenvolvemento Rural, CDR O Viso.
O acto, que se prolongou durante dúas horas e que estivo coordinado maxistralmente pola pintora e poeta Rochi Nóvoa, brindou un eloxio ás mulleres, á súa memoria e á súa historia. A continuación, tivo lugar unha visita á exposición das 43 biografías do periplo das súas vidas, rematando cun faladoiro acompañado de petiscos.
Grazas a Rochi pola súa xenerosidade, frescura e inspiración; a Chema, director do CEIP; aos colaboradores do CDR O Viso, representados por Lucía e Camilo; ás preto de 40 persoas asistentes ao acto; e a Noemí, Amalia, Carmen e Conchita, así como ás súas familias, que foron as protagonistas da xornada. En realidade, onte celebramos as biografías destas mulleres e, con elas, a de todas as mulleres das 18 aldeas que traballaron arreo no eido político, económico e social.
Como deixou escrito con acerto Rochi Nóvoa:
«Que este día non pase coma unha brisa lixeira, senón coma un vento que nos empurre cara adiante. Que sexamos quen de mirar ao noso redor e preguntarnos: estou facendo abondo? Estou sumando ou simplemente deixando pasar? Porque a loita continúa, e nesta marcha non sobra ninguén, pero si se bota en falta a quen decide non camiñar.»