O Patrimonio Cultural Inmaterial maniféstase, entre outros ámbitos, en tradicións e expresións orais, artes do espectáculo, usos sociais e actos festivos, técnicas artesanais tradicionais, etc. Dende a Agrupación Folclórica «Queixumes dos Pinos» presentamos os «Encontros sobre Patrimonio Inmaterial no Camiño de Santiago», xornadas adicadas á música, ao baile, á vestimenta galega, á etnografía, aos contos, ás lendas e á tradición; que tivo lugar en diferentes puntos do Camiño de Santiago. Neste caso celebrouse un destes encontros o pasado sábado 1 de outubro no Concello de Sandiás ás 19.00 h no patio exterior ao carón da Casa de Cultura.
O programa desenvolveuse cunha benvida ao acto e unha entrevista a Antero Rodríguez Ordoñez, artesán e xastre de vestimenta tradicional que espuxo as técnicas de confección dos traxes tradicionais de Galicia. Continuou cun desfile de traxes tradicionais e roupa de diferentes puntos da comunidade galega acompañado das explicacións por parte do artesán.
Seguiu cunha actuación de pandereteiras «Sons do Miño”- José Antonio Viñas, unha actuación musical con elementos e escenografía baseada na etnografía de Galicia. Finalmente, despediuse do acto.