O obradorio ten como finalidade favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou prestación de servizos. Neste caso, o Concello de Xinzo e o de Sandiás uniron esforzos para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha desta xestión compartida do programa de emprego con 16 traballadores, 14 mulleres e 2 varóns durante un período de nove meses.
A subvención da Xunta ascende a 277.556 euros. Ambos concellos deberán financiar o 100 % das actuacións que se realicen no seu territorio, se ben a subvención da Xunta de Galicia corresponderase co custo salarial dos 16 alumnos.
O obradoiro espertou un gran interese e foron preto dun cento os aspirantes a algunha das prazas que se ofertaron. Neste sentido, para dirimir os posibles empates nas puntuacións finais entre dúas ou máis persoas candidatas estableceronse os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.
Mentres que a alcaldesa do Concello de Xinzo, Elvira Lama, quixo transmitir os seus mellores desexos e resaltou que a Lei de Igualdade permite facer unha discriminación positiva a favor das mulleres, apostando polas políticas que as defenden, o alcade de Sandiás, Felipe Traveso animou aos participantes a pór todo o seu empeño por aprender e recalcou a importancia das obras que se levarán a cabo para revalorizar o patrimonio da Vía da Prata ao seu paso polos dous concellos.