A música tivo o seu protagonismo no Nadal de Sandiás. Abriuno o cantautor Emilio Rúa co III Concerto de Nadal, co título do seu álbum Nadaliñas, o pasado sábado 21 de decembro, ás 19:00 h, no Salón de Actos da Casa da Cultura do Concello de Sandiás.
Tratouse dun espectáculo musical de panxoliñas revisadas e interpretadas por Emilio Rúa dun xeito moi actual e moderno, respectando a composición tradicional. Un concerto íntimo e entrañable, perfecto para desfrutar e cantar nestas datas.
O Concello de Sandiás dálles as grazas a todos os veciños e veciñas que asistiron á actuación, abrindo así os festexos do Nadal, fomentando a comunidade veciñal e gozando dos beneficios físicos, culturais e humanos da música en directo. Música e cantos que enchen de emoción a alma e contribúen a construír un mundo mellor.
Emilio Rúa, combinando tradición e creatividade, interpretou de xeito magnífico pezas clásicas de tradición oral como “25 de Decembro”, “Dime, neno, de quen es”, “Vide ver ao neno”, “Branco Nadal”, “Doce Nadal”, “Pero mira como beben”, entre outras. Tamén nos regalou, como final de concerto, unha das súas primeiras interpretacións coa artista Rozalén: Vida miña. Ademais, interpretou pezas como A saia da Carolina, Un ticket para viaxar dos Beatles e a lenda cantada do Castelo de Monterrei, A Condesa de Verín.
Lonxe queda xa o inicio de Emilio Rúa no mundo da música, aos sete anos, no grupo Concorde Atenea, formado polo seu pai e os seus catro irmáns, co que percorreron Galicia e as zonas limítrofes de Castela, Asturias e Portugal. A súa primeira vez nun escenario foi na aldea de Santa Comba (Riós).
Tamén quedou atrás o momento en que comezou a compoñer Nadaliñas no ano 2015, tras interpretar unha panxoliña na Catedral de Ourense.
Nos seus discos contou coas colaboracións de artistas como Uxía, Luís Tosar, Carlos Blanco, Guadi Galego (Berrogüetto), Kepa Junkera, Tony Lomba, X.M. Budiño, Marcos Teira (Marful), Quim Farinha (Berrogüetto), Celina da Piedade (Mariza, Rodrigo Leao), Carlos Castro (Fía na Roca, Budiño), Lucía Pérez, Fabián, Segundo Grandío (Estudio de Gravación Casa de Tolos), Daniel Minimalia, Xestreu, entre outros.
Segundo indica en varias entrevistas, garda moi bos recordos de duetos feitos con Víctor Manuel e da súa amizade co cantautor cubano Pablo Milanés, entre outros. Ao longo da súa traxectoria, Emilio Rúa creou discos que van desde o estilo máis puro de cantautor ata o jazz, soul, música brasileira, pop e folk, aínda que sempre foi fiel ao seu estilo persoal.