A música terá o seu protagonismo no Nadal de Sandiás. Abrirao o cantautor Emilio Rúa co III Concerto de Nadal que leva por título “Nadaliñas” o Sábado, 21 de Decembro ás 19.00 h no Salón de Actos da Casa de Cultura do Concello de Sandiás.
Trátase dun espectáculo musical de Panxoliñas revisadas e versionadas por Emilio Rúa dun xeito moi actual e moderno respectando a composición tradicional. Un concerto íntimo e entrañable, especial para desfrutar e cantar nestas datas.
O Concello de Sandiás convida a todos os veciños e veciñas a asistir á actuación abrindo os festexos do Nadal facendo comunidade veciñal e gozando dos beneficios físicos, culturais e humanos da música en directo. Música e cantos que enchen de emoción a alma e que constrúen un mundo mellor.
Lonxe queda xa cando Emilio Rúa deu comenzo no mundo da música aos sete anos no grupo Concorde Atenea formado polo seu pai e os seus catro irmáns e co que percorreron Galicia e as zonas limítrofes de Castela, Asturias e Portugal. A primeira vez que se subiu a un escenario foi na aldea de Santa Comba (Riós).
Segundo indica en varias entrevistas garda moi bo recordo dos duetos feitos con Víctor Manuel e a amizade co cantautor cubano Pablo Milanés, entre outros. Ten feito nos seus discos produccións que van desde o máis puro estilo cantautor pasando polo jazz, soul, brasileiro, pop, folk… pero sempre foi fiel ao seu estilo.