Luis Otero Bobillo, Ben Cho Sey e a Comisión de Toponimia no seo da galeguista Agrupación Cultural Auriense, decisivos no cambio do castelanizado «Sandianes» ao galego «Sandiás»

» […] Castrapo ou mal falar é decir ou escribir Sandianes por Sandiás […]»
(Ben Cho Shey,  La Región, agosto 1969)

A Ben-Cho Shey, membro da #XeraciónNós, a causa da lingua sempre lle tirou aunque moito máis a arqueoloxía, a etnografía e a historia. Destacaba Xosé Fdez. Fdez., da Facultade de Ciencias da Educación de Vigo nun artigo do V Congreso do Patrimonio Etnográfico Galego (2015), que era dos que pensaba que para pensar en galego había que falar e escribir en galego e non tivo reparos en criticar o uso feito nas traduccións ao castelán da toponimia galega, chamándolle ignorantes os “emperrados en se gabar dunhas castrapadas que nos poñen en ridículo diante da xente culta que camiña polas nosas estradas”.

No periódico La Región do 23 de agosto de 1969 escribe o artigo “Falar en galego e máis en castelán” que reproduce Maribel Outeiriño na sección “La historia en 4 tiempos” do ano 1994, cando se cumplen 25 anos. Defende no artigo que “o que non se debe facer e falálos mal”. A fala defectuosa dun idioma calquer (…) e castrapo ou mal falar é decir ou escribir Sandianes por Sandiás (…)”. “Os que tal fan acrétanse de iñorantes, aunque pretendan escudarse no Nomenclator. “ O inadmisible son as castrapadas o mismo na conversa que nos xornaes (…) ou nos letreiros das carreteras (…)”.

No ano 1972 volve de novo sobre o tema no periódico La Región afirmando:  (…) resulta sorprendente, a estas outuras, leer o párrafo seguinte: caso especial es el del pueblo de Sandiás (como le llaman ellos), o Sandianes según le llaman los que pretenden ser castellano hablantes” e no canto de selo, engadimos nós, resultan castrapizantes”.

A propósito dos letreiros das estradas, temos constancia dun intercambio epistolar que data do 25 de Xuño de 1970, entre Ben Cho Shey e Luis Otero Bobillo pertencente á colección particular do seu fillo Luis Otero Quintas. Na carta pídelle ao xa alcalde: “ ¿por qué non lle dí os da Región que encabecen as súas correspondencias co nome de Sandiás e  por qué non poñen ise mesmo nome nos letreiros das carreteras?”. Anúncialle Xosé Ramón que pola Santa Mariña (18 de Xulio) pasará por Sandiás camiño de Ourense e Santiago e manifestalle, “gustaríame ver o nome de Sandiás nos letreiros da carretera”.

Luis Otero Bobillo foi nomeado alcalde de Sandiás o 11 de agosto de 1969 e o artigo de Ben-Cho-Shey foi publicado en La Región o 23 de agosto do mesmo ano e tiña 73 anos cando foi nomeado alcalde Luis Otero o que xustifica que o intercambio fora intenso pero curto no tempo. Polo que parece, D. Ramón non puido ver os cambios (no caso de que chegasen a materializarse) ao pasar por Sandiás xa que  non foron aprobados os cambios de topónimos ata a sesión plenaria do 30 de xaneiro de 1972: “ (…) Sandiás y no Sandianes, Vilariño das Poldras y  no Villarino, Piñeira de Riba y no de Arriba, Piñeira de Baixo y no de Abajo (…) por contra, puido velos cambios en La Región posto que o 18 de febreiro de 1972, La Región xa titula no escrito do correspondente local, “Sandiás” e fai explícito o agradecemento da corporación e do propio correspondente a Xosé Ramón Fernández (Ben-Cho-Shey).

Tamén no seo da galeguista Agrupación Cultural Auriense, indica Afonso Vázquez-Monxardín nun artigo en La Región (25 de xullo, 2022), “chegouse a constituír unha Comisión de Toponimia xa nos anos setenta  que “traballou de xeito amateur, pero moito e ben- Carlos Guitián, Xocas, meu pai…- e entregou os seus traballos en 1980 á Deputación  para a rectificación dos letreiros das estradas”. Se temos en conta este dato e a posible relación desta documentación co anteriormente exposto, pode que a aprobación dos cambios de topónimos na sesión plenaria do Concello de Sandiás no 1972 tivesen que esperar a materializarse ata os anos oitenta.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?