Xa comezaron no Concello de Sandiás as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas como a Casa de Cultura e o Local Social vinculadas á prestación de servizos municipais como Salón de Actos, Sala de Exposicións, Sala Polivalente e Local Social.
A edificación ten unha baixa eficiencia enerxética o que fai urxente realizar diversas actuacións para mellorar a mesma, reducir o custo económico asociado, o aforro do custo de mantemento que precisa de maneira constante e mellorar o benestar e confort dos traballadores e usuarios das instalacións tanto nas estacións invernais como estivais. O orzamento total elévase á cantidade de 73.160,94 euros. A empresa que tivo a adxudicación das obras de mellora é ELYTE XINZO.
Neste sentido están a realizarse diferentes actuacións como a mellora da envolvente térmica con trasdosado na parte interior da fachada principal mediante placa de xeso, a renovación integral da instalación de calefacción/climatización mediante a colocación de unidades externas e internas tipo casete ou parede proxectándose unha instalación de xeración de calor mediante bombas e que permita dispoñer de frio no verán e, por último, a instalación de iluminación substituíndo zonas de luminarias e lámpadas obsoletas por luminarias con tecnoloxía LED, de alta eficiencia enerxética.