Este ano, a Real Academia Galega dedicoulle o 17 de maio a sete pandeireteiras e, con elas, a todas as mulleres que crearon e transmitiron a música tradicional, e a lingua, de xeración en xeración. O Concello de Sandiás súmase a esta homenaxe con esta actividade entre outras moitas que se levarán a cabo dende o mes de abril ata agosto.
- Lugar: Salón de Actos da Casa de Cultura de Sandiás
- Día: Venres, 27 de Xuño
- Hora: 11.00 h
Mulleres, ritmo e tradición é un obradoiro de música tradicional dirixido a nenas e nenos de infantil e primaria e tamén as súas familias. Impartido por Sabela Olivares, combina o descubrimento do patrimonio musical galego coa expresión corporal e vocal. A través da tradición oral, e empregando a percusión corporal como ferramenta principal, coñecerán de maneira lúdica, creativa e adaptada á súa idade, a riqueza e a función da música galega. Ao tempo que, cunha aprendizaxe multisensorial, se fomentan habilidades como a coordinación, a memoria e a atención, visibilizarase o papel das mulleres na nosa tradición musical cun enfoque integrador que busca que a música sexa vivida, non só como herdanza, senón tamén como experiencia enriquecedora e significativa.