‘Non hai progreso sen ancoraxe na tradición’. Bruno Rúa presentou o seu libro ‘Aldeas da Alta Limia’ no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás.

O sábado 24 de Maio no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela realizouse a presentación do libro “Aldeas da Limia Alta” da autoría de Bruno Antón Rúa Martínez, licenciado en Filosofía  e especialista en Antropoloxía Social e Cultural. Participaron non acto vinte e dous veciños e veciñas de varias aldeas do concello e da comarca da Limia.

Comezou presentando ao autor e o libro Pepe Gándara, coordinador da Casa da Lagoa facendo tamén mención do prólogo mestura de ensaio e narración vital do arquitecto limiao Manuel Seoane Feijóo. Cunha exposición máis narrativa e vital que académica Bruno Rúa expuxo os motivos que o levaron a escribir o libro e algunhas anécdotas dos seus periplos polas diversas aldeas da Limia, destacando de maneira especial a acollida das súas xentes.

Pódese dicir que imitando a iniciativa da fotógrafa americana hai un século Ruth Matilda Anderson, os viaxes de D. Ramón Otero Pedrayo na empresa Villalón en contacto directo coa xente por miles de aldeas galegas e o traballo de campo durante máis de tres décadas de D. Elixio Rivas, Bruno Rúa quixo ser continuador daquelas andainas. Un traballo que unha vez rematado no Val do Támega, decidiu ampliar a comarca da Limia e no futuro a outras comarcas.

Na súa exposición destacou o valor de coidar o patrimonio material pero sobre todo o inmaterial vinculado a memoria oral e o papel dos avós e tamén afirmou que non hai progreso sen ancoraxe na  tradición. No marco das 316 aldeas catalogadas, destacou o papel histórico de Sandiás e alabou a magnífica paisaxe cando se pon o sol na chaira da Limia.

Terminou o acto cun coloquio, adquisición dos libros do autor e dedicatoria dos mesmos.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?