Nova cita coa Furgoteca no mes de febreiro polas aldeas do concello: préstamo de libros e festexo do oleiro coa cativada do PAI e do CEIP de Sandiás

Xa van polo segundo mes as visitas do proxecto cultural da Furgoteca da Xunta de Galicia ás dezaoito aldeas do Concello de Sandiás, coordinado magníficamente por Montse e Reme Cid. Na visita do 13 de febreiro, a Biblioteca Móbil da Xunta de Galicia chegou de novo e fixo parada en aldeas como Lavandeira, Zadagós, Chousela, A Corga e Cerredelo, aproveitando para facer o carné de usuario, realizar préstamos de libros, revistas, publicacións periódicas, tablets, cómics, etc.

Un punto importante da parada foi o Punto de Atención Infantil (PAI) e o CEIP de Sandiás. No CEIP de Sandiás, Reme Cid trouxo unha sorpresa que encantou a toda a cativada: festexaron o Oleiro cunhas olas de confeti, pasando un anaco de tempo moi divertido todos xuntos. A continuación, con moito interese, foron elixir o seu libro preferido para ler nas próximas semanas.

No Punto de Atención Infantil (PAI), neste tempo de Entroido, festa, máscaras, filloas e cocido, Reme e a súa Furgoteca trouxeron o contiño É tempo de Entroido de Ramón D. Veiga e David Sierra. Os nosos nenos e meniñas puideron observar diferentes máscaras do Entroido de Galicia: as formas das caras, os ollos, o nariz, a boca, os vestidos, etc. E, por suposto, recoñeceron perfectamente a máscara da nosa querida pantalla e comezaron a saltar, a facer o seu son característico e a chocar as palmas das súas mans.

Por último, tivemos outra sorpresiña. Reme trouxolles unha oliña elaborada con papel de xornal e papel maché. Que ben o pasaron os nosos cativos cando viron que a ola rompía e comezaban a caer papeliños de cores! Comezaron a rirse, lanzábanos ao aire, deitáronse enriba deles e revolvíanse dun lado para outro… ¡Vaia troula!

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?