O Campamento Concilia 2026 e o PAI de Sandiás comparten unha xornada de contos e experiencias sensoriais e creativas

Os nenos e nenas do campamento de verán e do PAI de Sandiás antes de pechar o curso gozaron dunha enriquecedora xornada de convivencia na que os contos foron o fío condutor de diferentes actividades sensoriais e creativas.

Un dos aspectos máis especiais da actividade foi o papel protagonista dos maiores do campamento, que, co apoio dos monitores, se encargaron de ler os contos e dirixir as dinámicas para os máis pequenos do campamento e para os nenos e nenas do PAI. Esta experiencia permitiulles desenvolver valores como a responsabilidade, a cooperación e o traballo en equipo, converténdose en referentes para os participantes de menor idade.

Ao longo da mañá traballáronse catro contos acompañados de propostas adaptadas a cada un deles. A primeira historia foi A que sabe a lúa?, de Michael Grejniec, representada mediante un teatrillo. Este álbum ilustrado transmite a importancia da cooperación, do esforzo compartido e do traballo en equipo, demostrando que, cando todos colaboran, é posible acadar obxectivos que de maneira individual resultarían moito máis difíciles.

A continuación, os participantes gozaron de O monstro rosa, de Olga de Dios, un conto que invita a reflexionar sobre a diversidade, a igualdade e o respecto ás diferenzas, fomentando a aceptación de cada persoa tal e como é. Tras a lectura, os nenos e nenas exploraron diferentes bandexas sensoriais nas que, a través de materiais de distintas formas, cores e texturas, estimularon principalmente os sentidos do tacto e da vista.

A seguinte proposta foi A pequena eiruga larpeira, de Eric Carle, un clásico da literatura infantil que permite traballar aspectos como a alimentación saudable, os días da semana, o ciclo de vida da bolboreta e o desenvolvemento da linguaxe. Nesta ocasión, a historia complementouse con mesas sensoriais de diferentes texturas e alimentos, favorecendo a experimentación mediante o tacto e o gusto.

A xornada concluíu con Vivan as uñas de cores!, de Alicia Acosta e Luis Amavisca, con ilustracións de Gusti. Este conto promove a igualdade, a liberdade de expresión e o respecto pola diversidade, rompendo estereotipos de xénero e defendendo que cada persoa poida expresarse libremente sen prexuízos. Como actividade final, quen o desexou pintou as uñas con esmaltes de neón para participar nun obradoiro de luz ultravioleta, onde puido observar como brillaban as súas uñas na escuridade, gozando dunha experiencia sorprendente e moi divertida.

Esta actividade permitiu fortalecer a convivencia entre os nenos e nenas do campamento e do PAI de Sandiás, fomentando a aprendizaxe entre iguais e o desenvolvemento de valores como a cooperación, o respecto, a inclusión e a creatividade. Unha xornada na que a literatura infantil se converteu nunha ferramenta para aprender, experimentar e compartir.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.