Limpar os camiños das areeiras, un obxectivo de voluntariado ambiental comunitario
O pasado sábado 29 de novembro de 2025, o CDR O Viso, en colaboración co Concello de Sandiás, convocaron a participar nunha segunda xornada de recollida de lixo comunitario nun tramo de aproximadamente 5 Kilómetros nas Areeias da Limia en Sandiás. A actividade desenvolveuse nun percorrido circular que finalizou no mesmo punto de inicio. Esta xornada insérese nas accións conxuntas para fomentar a concienciación ambiental e o desenvolvemento sostible, co obxectivo de protexer e preservar o patrimonio natural da comarca.
1ª fase de recollida do lixo menor.
A recollida, aberta a toda a veciñanza de Sandiás e concellos próximos, deu comezo no punto de encontro da localidade de Sandiás e Xinzo. Os 25 participantes da Comarca da Limia dispoñeron dos materiais necesarios, como luvas e bolsas, para facilitar o bo desenvolvemento da acción. Recolléronse 22 bolsas de lixo menor, rodas e plásticos. Aproximadamente 150 kilos de lixo menor. Entre os residuos máis abondosos atópanse restos das persoas que frecuenta, por motivos recreativos ou laborais, a zona na que noutrora se extraera area para a industria de todo o País. Moreas de latas de bebidas, innumerables envases plásticos e unha manchea de panos de papel de uso persoal arroxan unha realidade dolorosa e incontestable: as persoas que usan o espazo son as persoas que o emporcan. A primeira fase consistíu nunha batida de voluntariado para limpar de lixo menor os camiños dun lugar que alberga moitas oportunidades tanto no plano ambiental como turístico.
2ª fase de recollida de lixo maior
A segunda fase empregará máquinas e persoal especializado, atenderá principalmente ós residuos de orixe agrícola e industrial entre os que destacan numerosos pneumáticos e plásticos, principalmente polietilenos. Cómpre recordar que o Camiño de Santiago, permanentemente apoiado polas Administracións, atravesa o mesmo espazo que se comezou a limpar por unha cuestión de dignidade, prestixio e futuro.
Ao final da xornada, organizouse un pequeño ágape en Couso de Limia para recuperar forzas despois do traballo realizado e houbo un faladoiro compartido entre os participantes sobre a experiencia ao redor de como se sentiu cada un/unha no medio natural e a coherencia entre o que pensamos e facemos cando nos relacionamos día a día co medio ambiente da nosa contorna máis próxima.
Os obxectivos da Xornada foron promover a conciencia ambiental entre as persoas participantes, fomentar a participación cidadá na protección e conservación dos espazos naturais e limpar e restaurar a contorna natural, un hábitat de alto valor ecolóxico. Os guías e animadores do Cdr O Viso insistiron en que a participación comunitaria é clave para manter os nosos espazos naturais libres de residuos e sensibilizar á poboación sobre a importancia de preservar o noso medio.
Está dentro do programa de voluntariado medioambiental do Cdr O Viso, financiado pola Consellería de Polítia Social e Igualdade da Xunta de Galicia dentro da subvención para a implantación de programas de interese social.
Dende o Concello de Sandiás dita acción compleméntase con outra que xa vai polo sétimo ano denominada «Á caza do lixo» desenvolvida o 6 de Xuño, Día Mundial do Medio Ambiente e cuxa finalidade é unha recollida de depósitos de lixo de gran volumen polos montes da contorna do concello.