Dende o mércores 19 de febreiro ata o venres 14 de marzo, poderase visitar na Sala de Exposicións do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela a exposición (11 paneis de 60 x 1,60 m). A mostra é totalmente gratuíta e está aberta a toda a comunidade, especialmente á comarca da Limia.
- Presentación didáctica da exposición.
- Visita guiada á exposición.
- Entrega dun informe sobre a situación dos insectos e medidas concretas para a súa conservación.
- Degustación de mel de abella das aldeas de Piñeira de Arcos e Sandiás.
Esta exposición é unha invitación para reflexionar sobre a importancia do pequeno na conservación do noso patrimonio natural e a necesidade de unir forzas ante os desafíos ecosociais. A pesar do seu valor ecolóxico, o seu pequeno tamaño relegounos á indiferenza ou á súa destrución. Sen protección específica, foron ignorados como elementos crave nos ecosistemas para a biodiversidade e a regulación climática. A súa desaparición afecta a especies minorizadas que dependen deles, como os anfibios, o grupo de vertebrados máis ameazado do planeta.
A exposición “Sen insectos non hai vida”
Os insectos tamén importan. O pequeno é fermoso.
Ante o alarmante descenso das poboacións de insectos, a súa importancia ecolóxica e o escaso interese das administracións, a Asociación Española de Entomoloxía, Ecoloxistas en Acción e Amigas das Cegoñas lanzan esta exposición no marco da campaña “Sen biodiversidade non hai vida”. Pretende sensibilizar á sociedade e ás administracións sobre a importancia ecolóxica dos insectos e as consecuencias ambientais, sociais e económicas da súa desaparición.
Os insectos representan o 60 % das especies animais existentes, e o rápido descenso das súas poboacións é un indicativo claro da gravidade da situación ambiental que afrontamos. Con esta exposición quérese subliñar a importancia vital de preservar as especies de insectos como ferramenta esencial para a conservación da biodiversidade. A mostra busca aumentar a sensibilización da sociedade sobre a relevancia ecolóxica destas especies.
A educación ambiental no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela
O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, do Concello de Sandiás, é un instrumento máis que pretende facerse eco do traballo científico, divulgativo e de restauración levado a cabo por diversas organizacións e transmitilo de forma didáctica ás novas xeracións, fomentando nelas o interese pola memoria histórica popular, a vida da primixenia Lagoa de Antela e, en xeral, promovendo a sensibilización a través da educación patrimonial e ambiental.
Neste senso, xa puxo en marcha diversas iniciativas, como exposicións de sensibilización da poboación da comarca, tales como “Nosas amigas as Cegoñas” e “Sen biodiversidade non hai vida”, animada por Amigas das Cegoñas; clubes de lectura verde, como os referidos aos libros “Unha vida de ra” e “A revolta da Lagoa” do escritor limián Rafael Laso; a presentación do libro “Oceanoe. Travessia polo mar das Antelas”, con Noemí Vázquez da Arca da Noe; a magnífica e exitosa exposición “Cadernos da Limia. Paisaxe, identidade e memoria” do fotógrafo Blas González, ou as espléndidas xornadas de nivel nacional, como as organizadas en Sandiás por SEO BirdLife sobre o Humidal da Lagoa de Antela a comezos do mes de febreiro.