Dentro da parcela obxecto de actuación atópase actualmente unha fonte de auga potable, dentro dun recinto formado por un peche de pedra e chan a dúas alturas de formigón. O acceso a este espazo da fonte realízase a través dunhas escaleiras de pedra. Na mesma parcela tamén se atopan un par de mesas de pedra e un salgueiro que da sobra a parte da área.
As actuacións de mellora nesta parcela teñen por obxecto crear un área recreativa adaptada as necesidades dos veciños e veciñas de diferentes idades. O orzamento de execución é de 24.145,55 euros que aporta a Red Natura e o propio Concello de Sandiás. A área recreativa quedará conformada por tres espazos diferentes; onde a primeira zona é de mesas adaptadas a diversos usos.
Unha segunda zona que conterá unha fonte máis un espazo engadido destinado a actividades para adultos con elementos biosaudables para a realización de exercicio físico (unha máquina tipo elíptica e outra tipo ascensor). Para acondicionar a zona, limparase a zona de vexetación, fungos e mofos existentes, mellorarase o firme desta segunda zona e crearase un acceso con rampla que permita unha superficie continua e libre de barreiras arquitectónicas. Así mesmo, mellorárase a evacuación de augas filtradas a través do terreo e da fonte mediante un sumidoiro lonxitudinal e unha arqueta. Tamén se realizará un corredor de pavimento de caucho continuo no perímetro do recinto da fonte.
Por último, a terceira zona estará dedicada a zona de xogos infantís. Terá un pavimento de caucho, un valado perimetral de madeira para delimitar o espazo dos xogos que incluirá unha porta de acceso. Instalaranse tres xogos infantís para idades entre 6-12 anos (dous tipo resorte e un tipo bambán mixto). Por último, dita zona estará sinalizada por un panel coa normativa de uso de parques infantís.
Este tipo de actuacións forman parte dun proxecto do equipo de goberno para crear e conservar de xeito progresivo este tipo de infraestruturas recreativas nas diferentes aldeas do concello. A finalidade destes proxectos é fomentar espazos ao aire libre para xantar merendar e descansar, diversas zonas de xogo para os meniños e meniñas, e dotar de instrumentos para o exercicio físico biosaudable a todos os veciños e veciñas, especialmente os máis maiores.