Con motivo da celebración do Día Mundial da Auga, o pasado sábado 22 de marzo, o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, no Concello de Sandiás (comarca da Limia), acolleu unha nova edición do ‘Hidroxeodía 2025’, unha xornada destinada á divulgación da hidroxeoloxía e do labor dos hidroxeólogos, baixo a coordinación do Grupo Español da Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH-GE).
A actividade, pensada para todo tipo de público sen importar os seus coñecementos previos, levouse a cabo a través dunha visita guiada, conducida de maneira maxistral e moi didáctica polo xeólogo Eduardo González Clavijo, especialista en divulgación científica e xeolóxica durante máis de dez anos no sur de Galicia.
A pesar dun día de vento e chuvia persistente, achegáronse a Sandiás preto de 40 participantes de diversos lugares das provincias de Ourense e Pontevedra, que gozaron moito do roteiro guiado e da análise sobre o terreo. O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e o Concello de Sandiás agradecen as achegas da Asociación Internacional de Hidroxeólogos, da Asociación Galega de Áridos (Arigal), dos responsables das explotacións areeiras visitadas e das persoas participantes que se animaron a asistir a unha xornada complicada desde o punto de vista meteorolóxico.
Visita ao Centro de Interpretación da Lagoa de Antela
Na primeira parte da visita fíxose un repaso á xeografía física e humana da lagoa, expoñendo os factores naturais que levaron á transformación da paisaxe e os factores antrópicos, como os palafitos lacustres, as casas de terróns e as distintas pegadas do ser humano no medio dende a época prerromana ata a modernidade. A visita comezou coa proxección de tres pezas audiovisuais sobre diversos aspectos do humidal natural da lagoa, o humidal artificial das Areeiras e o patrimonio etnográfico do Concello de Sandiás. Tamén houbo oportunidade de exemplificar, con experiencias didácticas, os efectos da auga sobre os diferentes tipos de chan e a transmisibilidade da area, da arxila e das rochas.
Subida ao Pico Costoira, ao carón da aldea de Cerredelo
A xeoloxía tamén forma parte do patrimonio natural e xoga un papel moi importante porque condiciona a configuración dunha zona e, con ela, o clima, a flora, a fauna e o modo de vida dos seus habitantes. A Limia Alta conta con lugares de interese, e nestas xornadas de turismo xeolóxico organizado en roteiro, pretendíase observar e interpretar con ollos de xeólogo algúns destes lugares no ámbito territorial do Concello de Sandiás, como é o caso do Pico Costoira. Dende alí, pese ao vento e á choiva, puido observarse, con dificultade, a conca da Limia, onde outrora se atopaba o espléndido humidal natural da Lagoa de Antela. Antes de visitar as Areeiras de Sandiás, os participantes fixeron unha parada para repoñer forzas.
Visita “in situ” ás explotacións de area: un roteiro guiado de aprendizaxe e análise sobre o terreo
Visitouse unha das areeiras en explotación, onde os participantes recibiron información precisa sobre o sistema de extracción. Comentáronse aspectos relacionados coa xeomorfoloxía, a observación e interpretación dos cráteres de antigas explotacións areeiras e o proceso que se segue para a súa renaturalización. Os asistentes tiveron tamén ocasión de contemplar varios exemplos de areeiras xa renaturalizadas e a canle principal de desaugadoiro da Lagoa de Antela nun tramo determinado.
Así mesmo, co apoio de láminas didácticas, o xeólogo Eduardo González explicou en detalle diferentes características xeolóxicas da Limia, o tipo de chans, o comportamento da auga neles e as súas consecuencias.
A interesante e densa xornada rematou cun momento de convivencia e intercambio, acompañado duns petiscos no Local Social do Concello.