O encontro poético intercultural e interxeracional tivo lugar o pasado sábado 23 de maio ás 20:00 h na sala de exposicións da Casa da Cultura do Concello de Sandiás, ambientada para a ocasión coa obra colorista do artista plástico Xosé Eladio. Este acto sitúase no marco da décimo terceira edición do encontro e dos 50 anos de vida artística coordinados por Williams Alberto Hernández, tras unha ruta presencial e online que incluíu paradas en Madrid, Granada, Murcia, Navarra e Galicia (Ourense e o Concello de Sandiás).
Este festival internacional poético xirou arredor da identidade, a memoria histórica, a xustiza social, o arraigamento cultural e a exploración da existencia profunda. En palabras dunha das coordinadoras do evento, Rosa Trujillo: “Creo que con esta iniciativa cumprimos o noso desexo de converter a palabra nun espazo de sanación. O máis importante foi transmitir o amor pola vida e contribuír, aínda que sexa con xestos aparentemente pequenos, a un mundo mellor, máis alá das polarizacións políticas e do avance das guerras. Confraternizar con poetas tan diversos e singulares foi comprobar que sempre é máis o que nos une, e que a poesía é unha ponte de entendemento imprescindible, unha forma de acurtar as distancias”.
No Concello de Sandiás realizou o saúdo institucional o alcalde Felipe Traveso e presentaron o acto Pepe Gándara, concelleiro de Cultura, quen destacou o propósito do diálogo intercultural tendendo pontes humanas a través da poesía e a importancia da revitalización do rural, poñendo en valor o feito de que este acto aterrase nun municipio pequeno como Sandiás, reforzando o obxectivo da ruta poética itinerante de achegar a poesía “de base” a todas as comunidades, máis alá das grandes cidades. Pechou a presentación a escritora e poeta Rosa Trujillo Bolaño, poeta e coordinadora de Ágora-Espazo Integral “A Letra Fala” de Xinzo de Limia.
O acto iniciouse cunha chiscadela a Ramón Otero Pedrayo, incidindo na súa prosa poética sobre a Limia e a Lagoa de Antela; cunha interpretación do poema “Te Quiero” de Mario Benedetti, celebrando o amor cómplice e comprometido; e cunha performance baseada nun poema do libro de William Alberto. Este autor, coordinador do movemento, presentou brevemente a historia do Encontro Latinoamericano de Poetas “La Victoria” e o seu último libro “¿Volamos como vuelan los ángeles o hacemos el amor?”, cuxo eixo xira arredor da tensión entre o divino e o terreal, o amor físico e a transcendencia, mostrando a dualidade do amor e da espiritualidade erótica, entre outros motivos.
Posteriormente desenvolveuse a exposición de literatura poética latinoamericana e galega e a declamación de diversos poemas por autores de Venezuela, República Dominicana, distintas cidades de España, Ourense e a comarca da Limia. Intercaladas, actuaron en varias ocasións as Voces do Sol de Celanova, fusionando versos co característico son de diversos instrumentos musicais. O contido dos poemas xirou arredor da felicidade, o amor, a perda, o empoderamento da muller, a fascinación pola palabra e o recoñecemento do “outro”, o feminicidio, a beleza, a reconfiguración da identidade, o abandono da terra natal, o efémero e o marabilloso da vida.
Participaron autores como Mariana Núñez Vargas (Venezuela), “Amores y Hedores”; Nancy Conde (Venezuela), “Aromas y matices del silencio”; Angelina Núñez (República Dominicana), “dominicana post tenebras”; Ana Belén Gutiérrez (Ourense), “Si los árboles hablaran”; Manuel López Martínez (Xinzo de Limia-Ourense), “De la lluvia en las entrañas”; Rosa Trujillo Bolaño (Venezuela-Xinzo de Limia-Ourense); Libeslay Bermúdez, “Insectos en el Paraíso”; Sonia Trigo (Celanova), “Juegos de Guerra”; Stella Estrada Mosquera (Ourense); Ximena Benítez, “Costuras de familia”; Carmen Nieves Otero (Celanova); e Lorena Gómez, “Abrazos Circunscritos” (Piñeira de Arcos-Ourense).
Despois de tres intensas e gratificantes horas, o público asistente compartiu uns petiscos no Local Social de Sandiás, compartindo impresións e estreitando lazos de compañeirismo e amizade co desexo de que este encontro teña continuidade nos vindeiros anos.































