O universo literario da lagoa de antela na quinta de saler, de antón riveiro coello, na visita guiada ao centro de interpretación da lagoa de antela

Un bautismo literario na comarca da Limia: o Clube Couto Literario

O pasado sábado, 30 de outubro, 19 participantes de Pontevedra, integrantes do Clube «Couto Literario», que tivo o seu bautismo no Couto Mixto, realizaron por primeira vez unha xeira pola comarca da Limia, con visitas a Xinzo, Baltar, Couto Mixto, Rubiás e Meaus. Nesta ocasión, visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, en Sandiás, acompañados polo escritor limiao que xa transcende as fronteiras nacionais, Antón Riveiro Coello, autor de A Quinta de Saler, unha obra ambientada no Couto Mixto e na Lagoa de Antela, na comarca da Limia. Foi unha visita intensa, de preto de dúas horas, preparada especialmente para o clube de lectura e afastada das visitas convencionais que habitualmente se realizan.

O universo literario da Lagoa de Antela na obra A Quinta de Saler e os núcleos temáticos da Lagoa de Antela presentes na obra literaria

Economías perdidas da Lagoa

Comezamos cun breve relato sobre o marco xeográfico da Lagoa de Antela no conxunto do Complexo Húmido Limia-Antela, que nos serviu de introdución ao relato das economías perdidas da lagoa: as ras, as sambesugas, o peixe, a caza de patos e a recollida de ovos.

Falamos da presenza da ra no comercio local, nacional e internacional, así como da súa presenza nas fontes das prazas de Xinzo, nos canzorros das igrexas románicas e na variada gastronomía local. Pasamos revista á caza de patos, contemplando a fotografía dos Massó e do presidente da Deputación de Ourense nos anos trinta cazando estas aves, e tamén á recollida de ovos, a través da fotografía histórica do carro de vacas cruzando a lámina de auga da Lagoa pola Auguiña Crara.

Así mesmo, comentamos as zonas de terreos lamacentos, o monocultivo da pataca e a gandaría da Limia, destacando os bois negros de raza limiá, a carellá portuguesa e a cachena.

Xeografía mítica do Lago Beón

En A Quinta de Saler fálase da cidade de Antioquía, das escavacións cribadoras, do bruión, dos misterios da Torre de Sandiás e «do zunido e as picaduras dos insectos que facían interminables as noites do verán».

No relato da Casa da Lagoa achegamos dúas versións da lenda da cidade de Antioquía, tomadas de Elixio Rivas. Falamos tamén da deusa Navia e de Santa Mariña, figuras próximas ao medio acuático e transmutadas en deusa, santa e moura. Así mesmo, lemos en voz alta o conto dunha noite noitébrega, chea do croar das ras e da presenza do bruión; a lenda do exército do rei Artús e dos seus cabaleiros, que dá conta dos terribles cínifes que pululaban pola lagoa co seu asolagador zunido, en palabras de Vicente Risco. Finalizamos co afán das «escavacións cribadoras» do protagonista, Toribio Mouteira, na chaira da Lagoa, que nalgún momento vinculamos, de maneira fantasiosa, coa procura de tesouros inspirada no libro do Ciprianillo.

Perda da identidade territorial: a xeografía cultural e a memoria das palabras ligadas á terra

A Quinta de Saler fálanos da perda da identidade territorial e da memoria en diversas pasaxes dispersas ao longo da obra.

Durante a visita guiada utilizamos un dos primeiros escritos de Antón Riveiro Coello, o relato curto «O afogado de Baronzás», para mostrar o papel dos nenos e dos devanceiros como pontes entre o mundo real e o alén, así como a memoria soterrada e os recordos que persisten nas persoas. Neste caso, en Antón, aínda que a terra leve se convertera hai tempo nun secarral. Seguidamente, pasamos revista ao papel desempeñado pola toponimia e a microtoponimia, achegando diversos exemplos de Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Sandiás.

Patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico asociado á Lagoa de Antela

A Quinta de Saler fálanos «dun escuadrón de garzas que perdían o seu voo espigado pola torre de Sandiás», das «casopas de casa á beira da lagoa», de achados de tesouros de prata, do cultivo do liño e de oficios como a seitura e os ferreiros, entre outros.

Na visita guiada presentamos a arquitectura sustentable en terra (terróns ou felpas elaborados cunha mestura de terra e beón da Lagoa de Antela), así como restos arqueolóxicos vinculados a un hipotético Neolítico (palafitos e punta de frecha), da man do investigador Conde Valvís. Abordamos tamén os misterios e o folclore ligados á Torre do Castro, en Sandiás, concretamente os relatos sobre escavacións vinculadas ao libro do Ciprianillo, o grimorio dos tesouros; o Mosteiro de Trandeiras, na parte oriental da Lagoa, e a lenda do rei Artús e dos mosquitos convertidos en guerreiros.

Completamos este percorrido co pazo do Telleyro, en Couso de Limia, xunto coas referencias á fidalguía e ao pagamento de tributos como a lutuosa, o herbaxe, o décimo e a fumaxe. Por último, relatamos os distintos pasos do tratamento do liño, unha actividade moi próspera nos séculos XVI e XVII en Sandiás e Couso de Limia, onde se concentraba o maior número de tecedeiras. Referímonos tamén aos enlagamentos nos ollos da Ponte das Poldras, en Vilariño, entre outros aspectos.

Un novo guiño a Otero Pedrayo no ano Oteriano

A visita comezou coa presentación da lámina número 11 da Carta Xeométrica de Galicia, elaborada por Domingo Fontán, na que aparece cartografada a Lagoa de Antela. Trátase do mapa de Galicia que o xeógrafo Ramón Otero Pedrayo tiña na súa casa grande de Trasalva, en Amoeiro.

Para Otero Pedrayo, o mapa funcionaba como unha ferramenta científica e poética. Ao contemplar as súas liñas, o espectador non vía unicamente curvas de nivel, senón tamén a historia, os camiños, as lendas e a paisaxe do territorio representado, neste caso, o da Limia. O mapa convertíase así nun instrumento de educación sentimental, que permitía coñecer e aprender a amar a propia terra, neste caso, o Couto Mixto e a Lagoa de Antela, na comarca da Limia.

Unha visita que deixa abertas as portas a novos encontros

Pola intensidade da xornada e pola limitación do tempo dispoñible, non foi posible visitar o resto da Casa da Lagoa nin afondar noutros temas de interese, como o pobo dos limicos, diferentes aspectos etnográficos, o proceso de desecamento e a concentración parcelaria, entre outros.

Desde a Casa da Lagoa valorouse moi positivamente esta visita, así como o interese amosado polos participantes ao longo da actividade. Agradecemos a súa visita e agardamos que a experiencia resultase proveitosa. As portas da Casa da Lagoa permanecen abertas para futuras ocasións, coa vontade de seguir compartindo coñecementos sobre un territorio cuxa historia, paisaxe, biodiversidade e patrimonio cultural ofrecen moito máis por descubrir.

 

 

 

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.