O pasado martes 11 de febreiro tivo lugar no Punto de Atención Infantil de Sandiás (PAI) un Obradoiro de Pintura para elaborar o cartaz do desfile infantil do Entroido de Xinzo de Limia. Acompañounos nesta máxica aventura o coñecido artista plástico e muralista Xosé Eladio, que tamén está a impartir un Obradoiro de Pintura no Concello de Sandiás ao longo do ano. Tamén estiveron presentes a coordinadora Cris, o equipo educativo e os nenos e nenas.
Xosé Eladio compartiu con eles un momento moi divertido, no que os pequenos puideron experimentar de preto como se pinta un cadro e descubrir como, ao mesturar diferentes cores, xorden tonalidades novas. Estiveron moi atentos, observando como o artista preparaba un cartón de grandes dimensións sobre o que ían pintar. Viron como debuxaba cadrados de distintos tamaños e os enchia con cores rechamantes e vibrantes, o que lles encantou.
Unha vez rematada a base, os cativos comezaron a pintar coas mans, gozando ao máximo. A mellor proba disto eran as súas roupas e batas cheas de cor. Estiveron moi entretidos! Para rematar, Xosé Eladio deulle o toque final ao cartaz plasmando sobre a pintura a nosa querida Torre do Castro nun lado e, no outro, a figura da Pantalla.
Grazas, Xosé Eladio, por adaptarte aos nosos pequenos, entendelos, ter paciencia e facerlles fácil un proceso tan creativo e imaxinativo. Pasárono en grande!