Os concellos da limia fan fronte común e reclaman unha reunión urxente coa xunta polos danos dos temporais

O pasado luns 9 de marzo de 2026 os alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia acordaron  impulsar unha estratexia conxunta para reclamar máis apoio institucional fronte aos graves danos provocados polos temporais e as intensas chuvias das últimas semanas. A reunión celebrouse no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia e rematou coa decisión de solicitar unha reunión urxente co presidente da Xunta de Galicia.

O encontro serviu para establecer unha unidade de acción entre os municipios afectados e coordinar as peticións de axuda para a recuperación das infraestruturas danadas, especialmente pistas, accesos e outros servizos públicos básicos.

Segundo explicaron os rexedores, a magnitude dos estragos supera amplamente a capacidade económica dos concellos, polo que consideran imprescindible a implicación directa da Xunta no financiamento das obras de reconstrución.

Axudas estatais que non cobren os custos

A maioría dos municipios da comarca xa iniciaron os trámites para acceder ás axudas habilitadas polo Goberno do Estado. As valoracións técnicas realizadas ata o momento sitúan o custo das actuacións necesarias por riba dos 4 millóns de euros no conxunto da Limia.

Con todo, estas subvencións cobren un máximo do 50% do investimento, unha porcentaxe que os alcaldes consideran insuficiente para a realidade económica dos concellos rurais. Segundo sinalan, asumir a metade restante das obras podería comprometer seriamente a estabilidade financeira das administracións locais.

Por este motivo, ademais de reclamar a implicación da Xunta de Galicia, os rexedores tamén solicitarán a colaboración da Deputación de Ourense para que as tres administracións coordinen un plan de financiamento que permita afrontar a reconstrución sen afogar as arcas municipais.

Un bloque comarcal unido

Durante a reunión tamén se destacou que os danos afectan de forma xeneralizada a toda a comarca, polo que os concellos decidiron reforzar a coordinación e ampliar o fronte común.

O grupo está formado polos municipios de Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Con esta alianza, a comarca pretende trasladar unha mensaxe clara ás administracións superiores: a Limia actúa agora cunha soa voz para reclamar medidas urxentes que garantan a recuperación das infraestruturas e a mobilidade da veciñanza tras os estragos causados polos últimos temporais

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.