Cantáronse o día 5 de xaneiro, venres, como sempre foi. Contamos coa presenza de Lucía, animadora do Cdr O Viso xunto con outros fantásticos animadores comunitarios como Andrés, Estela e Camilo. Tamén os nenos e nenas do Ceip de Sandiás, país, nais e nenos do Pai (Punto Infantil) e varios veciños e veciñas para animar e participar desta festa nun total de medio centenar de persoas. No Local social houbo un ensaio para os máis adultos pasado martes e no Ceip de Sandiás houbo un obradoiro participativo de varios ensaios onde Lucía, traballadora na animación socio-cultural do Cdr O Viso preparou as letras e a música dos Cantos de Reis.
Este é o segundo ano no que intentamos recuperar e asentar dita tradición nas xoves xeracións. Cada ano rotamos nunha aldea. Este ano na aldea de Couso de Limia e fixéronse actuacións por diversas rúas, establecementos e casas particulares da mesma con animación de pandeiretas, bandurrias e acordeóns e nos próximos anos iremos visitando o resto das aldeas do Concello. Convidamos aos veciñ@s que participen e canten.
Percorréronse varios establecementos e casas particulares da aldea de Couso de Limia sentindo non poder chegar a todas elas. A acollida foi moi boa e déronnos de aguinaldo doces de reis, chocolate, cafés, bombóns, piruletas, caramelos e ata diñeiro.
O “Cantar os Reis” ou “Aguinaldos” foi sempre unha tradición habitual do Nadal Limiao. Íase a cantar polas casas e grupos de moz@s e nen@s percorrían na parroquia distintas aldeas cantando pezas de literatura popular transmitidas oralmente. A cambio do seu cantar solicitábase un aguinaldo, xeralmente en especie (doces, lambetadas, chourizos…) que despois se consumía nunha foliada.
Recuperar os Cantos dos Reis ten moitas ventaxas para a comunidade xa que participa a veciñanza, dáse o encontro interxeracional e foméntase o sentido de pertenza. Tamén para a escola xa que favorece a adqusición de competencias linguisticas, sociais e emocionais.