Cantáronse o sábado, 4 de xaneiro. Contamos coa presenza de Lucía, animadora do CDR O Viso, xunto con outros fantásticos animadores comunitarios do Centro de Desenvolvemento Rural. Tamén participaron os nenos e nenas do CEIP de Sandiás, pais, nais e nenos do PAI (Punto de Atención á Infancia) e varios veciños e veciñas que se animaron a participar nesta festa. No local social houbo un ensaio previo, no que Lucía, traballadora en animación sociocultural do CDR O Viso, preparou as letras e a música dos Cantos de Reis.
Este é o terceiro ano no que intentamos recuperar e asentar esta tradición nas xeracións máis novas. Cada ano rotamos de aldea. Este ano tocou na aldea de Piñeira de Arcos, onde se realizaron actuacións por diversas rúas, establecementos e casas particulares, con animación de pandeiretas, bombo e acordeóns. Nos próximos anos visitaremos o resto das aldeas do concello. Convidamos aos veciños e veciñas a que participen e canten.
![](https://www.sandias.es/wp-content/uploads/foto-1.entrada-1.jpg)
Percorréronse varios establecementos e casas particulares da aldea de Piñeira de Arcos, sentindo non poder chegar a todas elas. A acollida foi moi boa, e déronnos de aguinaldo doces de Reis, chocolate, cafés, bombóns, piruletas, caramelos e ata diñeiro.
O “Cantar os Reis” ou “Aguinaldos” foi sempre unha tradición habitual do Nadal limiao. Íase cantar polas casas, e grupos de mozos e mozas, así como nenos e nenas, percorrían as aldeas da parroquia cantando pezas de literatura popular transmitidas oralmente. A cambio do seu cantar, solicitábase un aguinaldo, xeralmente en especie (doces, lambetadas, chourizos…), que despois se consumía nunha foliada.
Recuperar os Cantos de Reis ten moitas vantaxes para a comunidade, xa que fomenta a participación veciñal, promove o encontro interxeracional e reforza o sentido de pertenza. Tamén beneficia á escola, xa que favorece a adquisición de competencias lingüísticas, sociais e emocionais.