
Cantáronse o día 5 de xaneiro, xoves, como sempre foi. Contamos coa presenza de Lucía, animadora do C.D.R. O Viso xunto con outros animadores como Toño, Camilo e Anabel. Tamén os nenos e nenas do C.E.I.P. de Sandiás, pais, nais, nenas e nenos do PAI (Punto Infantil), e varios veciños e veciñas para animar e participar desta festa nun total de medio centenar de persoas. No C.E.I.P. de Sandiás houbo un obradoiro participativo de varios ensaios onde Lucía, traballadora na animación socio-cultural do C.D.R. O Viso preparou as letras e a música dos Cantos de Reis.
Este é o primeiro ano (a pandemia impediu que o puidésemos facer o pasado ano) no que vamos intentar recuperar dita tradición. Comezamos na aldea de Sandiás e realizáronse actuacións por diversas rúas, establecementos e casas particulares da mesma e nos próximos anos iremos visitando o resto das aldeas do Concello. Convidamos aos veciñ@s que participen e canten.
Percorréronse varios establecementos e casas particulares da aldea de Sandiás, sentindo non poder chegar a todas elas. A acollida foi moi boa e déronnos de aguinaldo doces de reis, chocolates, cafés, bombones, piruletas e caramelos.
O “Cantar os Reis” ou “Aguinaldos” foi sempre unha tradición habitual do Nadal Limiao. Íase a cantar polas casas e grupos de moz@s e nen@s percorrían na parroquia distintas aldeas cantando pezas de literatura popular transmitidas oralmente. A cambio do seu cantar solicitábase un aguinaldo, xeralmente en especie (doces, lambetadas, chourizos…) que despois se consumía nunha foliada.
Recuperar os Cantos dos Reis ten moitas ventaxas para a comunidade xa que participa a veciñanza, dáse o encontro interxeracional e foméntase o sentido de pertenza. Tamén para a escola, xa que favorece a adquisición de competencias lingüísticas, sociais e emocionais.
.