Preto de 30 nenos e nenas do Concello de Sandiás visitaron o venres pola mañá, 27 de decembro, Pazolandia no Pazo dos Deportes «Paco Paz» en Ourense, organizado pola Deputación de Ourense, no marco do programa de Nadal do Concello. O prezo da entrada, 4 euros, correu a cargo deles, mentres que os gastos da viaxe foron asumidos polo Concello. Dende Sandiás a Pazolandia, un día inesquecible gozando dun ambiente máxico entre vertixe, risas, xogos, adrenalina e tamén momentos de calma.
Á tradicional oferta de atraccións de Pazolandia, onde non faltan os coches de choque, os xogos inchables, as camas elásticas, a zona de tatuaxes, os obradoiros de maquillaxe, chapas e globoflexia, o tren Disney, o «coaster» tigre, as zonas de videoxogos, os apartados de baloncesto e fútbol, así como as atraccións no exterior como o «Saltamontes», «A Olla» ou a pista americana, o «Boomerang», e espazos abundantes para o mundo do xoguete, este ano engadíronse varias novidades: pista de xeo, restricións acústicas, zona de calma e accesos prioritarios para persoas con TEA, converténdose así nun parque máis inclusivo.
Estiveron acompañados pola concelleira María José Manso e por trece familiares, pais e nais dos mesmos.