O pasado venres 5 de Decembro conmemorouse o día da Constitución Española cun Parlamento Infantil no Concello de Sandiás, onde o alcalde Felipe Traveso, púxose ao alcance das preguntas e suxerencias dos nenos e nenas do PAI e Ceip do Concello acompañados dos seus educadores e mestres correspondentes. Os nenos e as meniñas estiveron moi atentos ao que lles dicía o alcalde Felipe que se mostrou en todo momento moi próximo e sinxelo nas explicacións e respostas.
A satisfacción e as complexidades de ser alcalde
Os máis maiores mantiveron un faladoiro co alcalde na que lle fixeron todo tipo de preguntas e propostas. Que é o máis complicado e a maior satisfacción de ser alcalde? Felipe respondeu que o máis complicado pero tamén o que máis satisfacción produce é poder ter contentos a todos os veciños e estar á altura de cubrir as súas necesidades, especialmente os servizos básicos e ter a todos os pobos ben respondendo as necesidades dos veciños. En definitiva poder ofrecerlle aos veciños e veciñas servizos concretos como un colexio, unha gardería, un polideportivo e ximnasio, lograr manter outros existentes etc. Tamén dixo que lle producía moita satisfacción este tipo de encontros coa xente máis nova do concello. Explicoulles que o concello é pequeno e que os orzamentos en ocasións non chegan para cubrir as necesidades de todos cando as demandan porque as ven necesarias.
Un alcalde ao alcance das preguntas e propostas dos máis novos do concello
Pedíronlle a construción dunha piscina, unhas canchas para o novo polideportivo, para o colexio unhas ramplas para eliminar as barreiras arquitectónicas e un ascensor para subir ao segundo piso, asunto que fixo as grazas dos presentes; un neno pediulle uns badéns para a estrada do seu pobo da Fontela porque os coches pasan a moita velocidade e outras varias.
Agasallos mútuos ao final do Parlamento Infantil
Gabriela, a directora do Ceip de Sandiás entregoulle un libro onde constaban por escrito as preguntas e suxestións que se lle fixeron ao alcalde. Tamén se lle entregou a postal de felicitación que realizaron conxuntamente o PAI e o Ceip de Infantil e Primaria.
No Pai de Sandiás a súa coordinadora Cristina co equipo educativo estiveron traballando toda a semana sobre a persoa do alcalde a través de fotos e aprendendo o seu nome. O chegar alí os máis pequenos recoñecérono, viron que era unha persoa real e entregáronlle uns debuxos e un pequeno libro dedicado. Por parte do concello, o alcalde entregou a todos os participantes unha chapa co escudo do concello de Sandiás.
Unha pequena experiencia de “democracia directa” no Salón de Plenos do Concello
O salón de plenos do Concello presentou un aspecto pouco habitual. Non había políticos concelleiros nos asentos que estaban ocupados polos veciños máis pequenos dos distintos pobos do concello e a comarca. E non estaban alí por casualidade senón que buscaban comprender o funcionamento da alcaldía e aproveitar o faladoiro para crearlles consciencia da súa capacidade de decisión nunha democracia. O alcalde animoulles a non ter medo a participar e lembroulles que a política é unha bonita e necesaria oportunidade para tentar mellorar a vida diaria dos veciños.