Os participantes na XXV Edición do Rally de Reyes 2025 de vehículos clásicos, organizada pola Escuadra de Automóbiles Clásicos de Ourense, visitaron o pasado domingo, 26 de xaneiro, o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, no Concello de Sandiás. Este evento marcou o inicio da tempada galega de regularidade no mundo do motor e trouxo aos asistentes nunha xeira especial coa intención de coñecer a Limia, desafiando o temporal cos seus coches clásicos.
A visita ao Centro, coñecido como “Casa da Lagoa”, foi guiada por Pepe Gándara, coordinador do mesmo. Comezou coa proxección de tres pezas audiovisuais que trataron aspectos clave do humidal natural da Lagoa de Antela, o humidal artificial das Areeiras e o rico patrimonio etnográfico do Concello de Sandiás.

Os visitantes exploraron a historia da Lagoa de Antela a través de reproducións cartográficas e imaxes históricas, coñecendo os proxectos de desaugamento da lagoa. Ademais, visionaron outras proxeccións sobre a xeografía dos pobos límicos e o valor ecolóxico deste espazo. Tamén se abordaron temas como as dimensións da lagoa, o uso tradicional das barcas, fotografías históricas, proxectos de desecación e as lendas míticas, como a da cidade de Antioquía. A xeografía cultural, a toponimia e o folclore da zona foron outros dos puntos tratados, incluíndo referencias ao comercio tradicional de ras, samesugas, ovos e peixes.
Por cuestións de tempo, non foi posible realizar unha visita guiada máis completa que incluíse outros aspectos como a xeomorfoloxía da lagoa ou proxectos de restauración medioambiental nas Veigas de Vilaseca, Gomareite e no Humidal das Areeiras de Sandiás.
Desde a Casa da Lagoa queremos expresar a nosa satisfacción pola visita e o interese mostrado polos participantes. Agardamos que esta experiencia fose de proveito e animámosvos a volver na primavera ou no verán, pois a Lagoa de Antela aínda ten moito máis que contar.