Cunha notable asistencia de público, clausurouse o sábado, 14 de Xaneiro, na Casa da Cultura de Sandiás a exposición fotográfica «Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria» do fotógrafo Blas González. Punto final para os dous meses que permaneceu exposta e durante os cales se programaron diversas actividades relacionadas co medio ambiente, a testemuña da memoria da Lagoa de Antela ou o arquivo fotográfico limiano.
O acto comezou coas palabras do concelleiro de Cultura de Sandiás, Pepe Gándara, quen aproveitou para sinalar o alcance que a exposición tivo na comarca, reivindicar a aposta e compromiso do concello por ofrecer unha programación cultural de calidade e agradecer, finalmente, a todas as persoas que fixeron posible a exposición, desde os patrocinadores ata os colaboradores, público asistente e ao propio autor, Blas González.
A continuación, o autor da exposición, Blas González, tomou a palabra para agradecer a acollida que a exposición tivo durante os dous meses que permaneceu aberta e o apoio do público: “Hai 6 meses, cando proxectaba e deseñaba a exposición, non imaxinaba que a miña exposición tería esta excepcional resposta”. O autor aproveitou para anunciar que pronto comezará a traballar nun novo proxecto documental onde a Limia volverá ser protagonista.
Finalmente, proxectouse a película «O maquinista da Xeral» de Buster Keaton, con música orixinal en directo de Caspervek, interpretada por Brais González (piano) e Laura Lorenzo (frauta). Cinema e música, a modo de agasallo de agradecemento, foron amplamente aplaudidas polas máis de 70 persoas que asistiron a este acto de clausura.
Tanto o Concello de Sandiás como o autor, valoran o desenvolvemento da exposición «Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria» de forma positiva, pola súa contribución para poñer en valor o patrimonio natural, cultural e humano da Limia, e espertar o interese do público por esta comarca, á que acudiron numerosos visitantes procedentes doutras partes de Galicia.
Aínda que non hai cifras exactas de visitantes da exposición, desde a inauguración a clausúra, numerosas persoas involucráronse nas distintas actividades programadas e repartíronse máis de 350 catálogos da exposición. Os visitantes valoraron positivamente o traballo de Blas González, que conseguiu plasmar a beleza e o patrimonio humano da comarca da Limia. Asi, en palabras de Anna Figueiredo, columnista da revista Tempos Novos, “..de momento ficamos contidas na fotografía e no espazo negativo da lagoa de Antela, coma quen quere ser testemuña e mirar sen alterar, pero sentir con toda a intensidade”.