Pintamos xuntos un mundo de igualdade no PAI de Sandiás
O pasado 25 de novembro, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, as nenas e nenos do PAI participaron nunha actividade moi especial baixo o lema “Todas as cores son para todos”.
A proposta, realizada coa colaboración do artista plástico Xosé Eladio, convidou ás familias do Punto de Atención Infantil a compartir cos máis pequenos e pequenas unha xornada de pintura, creatividade e diversión. A actividade tivo lugar ás 10:30 horas no PAI Concello de Sandiás.
A través das cores e da pintura, os nenos e nenas puideron expresar a súa creatividade e, ao mesmo tempo, reflexionar sobre a importancia da igualdade, o respecto e a liberdade de ser.
Durante a xornada, as familias e o alumnado pintaron xuntos un mundo de igualdade, nun ambiente cheo de cores, ilusión e participación. A actividade buscou transmitir desde a infancia que todas as cores, os xogos e as oportunidades son para todos e todas. Con iniciativas coma esta, o centro continúa fomentando valores de convivencia e igualdade desde os primeiros anos, lembrando que a igualdade tamén se constrúe desde pequenos e pequenas. E terminaron todos xuntos disfrutando dunha boa merenda.








