Unha vez máis uníronse na Casa de Cultura literatura e música coa presenza do artista verinés Edelmiro Mateo, que achegou ao público o seu amor pola escritura e a música. Fíxoo da man de O instinto de Alazán. A obra foi presentada o pasado venres, 26 de agosto, ás 21:00, na Casa de Cultura de Sandiás.
O acto contou coa presenza do alcalde, Felipe Traveso, nunha presentación conducida polo concelleiro de Cultura, Pepe Gándara, que enmarcou o acto no programa cultural Xacobeo 2021-2022 e fixo un breve repaso as iniciativas levadas a cabo polo concello en relación coa posta en valor do Camiño no seu paso por Sandias. A continuación, aproveitando a actuación de Manoele de Felisa na Torre do Castro, pasouse por vídeo a interpretación que fixo dunha cantiga do seu «Cancioneiro do Camiño» onde se narra a historia do peregrino Don Gaiferos de Mormaltán.
A presentación propia da obra foi unha fermosa mestura de relato narrativo e música, como non podía ser doutro xeito, amenizada polo son do seu acordeón de rico recheo e de gran potencia sonora para que as palabras con música se convertan en cancións e pasen máis fácilmente ao recordo.
O acto contou cunha participación de preto de 40 veciños e veciñas, que gozaron das case dúas horas de literatura e música. Un público moi atento ás improvisadas e fermosas palabras de Miro. Grazas a todos os asistentes por acompañarnos neste día e pola participación do público coas preguntas.