Preto de medio centenar de veciños de Sandiás celebrando o Día das Letras Galegas co Obradoiro de Lucía Casal e Cristina Asenjo: educación vocal, recollida de música popular e concerto de cantigas populares con pandereteiras e acordeón

O pasado sábado 17 de maio no Salón de Actos da Casa de Cultura de Sandiás preto de medio centenar de veciños e veciñas participaron no obradoiro de canto vocal e cantigas populares. Moitas grazas a todos os participantes moi activos e espontáneos no curso a pesares da cantidade de actos espallados por toda a provincia. Un magnífico, didáctico e práctico obradoiro de cáseque dúas horas de duración.

No marco das diferentes iniciativas que o Concello de Sandiás leva a cabo na programación de verán-outono deste ano 2025 e tendo en conta  que a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas ás cantareiras, personificándoo nos nomes de seis delas, o Concello de Sandiás a través do convenio que ten co Proxecto Cultural da Furgoteca, organizou dito obradoiro co fin de homenaxear e tamén aprender da música popular oral dos pobos de Galicia. Trátase dunha actividade gratuíta con cargo ao presuposto da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

O Obradoiro estivo animado de xeito maxistral por Lucía Casal e Cristina Asenjo. Despois dunha breve presentación do alcalde Felipe Traveso e do concelleiro de cultura Pepe Gándara, comezaron o obradoiro con varias cantigas e pandereitadas para quentar o ambiente e nas que o público participou de maneira moi activa. A continuación, Cristina fixo un periplo didáctico pola historia das cantareiras homenaxeadas seguido dun obradoiro práctico de educación da voz por parte de Lucía no que o público tamén se implicou reproducindo os sons, movementos e exercicios de relaxación indicados. Finalmente interpretaron varios cantares con pandereiteira e acordeón onde o público acompañou seguindo a  letra facilitada na pantalla.

Cristina é funcionaria, profesora de música en Secundaria, no IES San Mamede (Ourense).

Lucía é docente e investigadora no Departamento de Didácticas Especiais (Área de Didáctica da Expresión Musical) da UVIGO. Con formación e experiencia en didáctica e en técnica vocal, ten exercido de profesora en escolas de música, e fixo varias estadías de investigación internacionais.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?