Preto de oitenta alumnos e alumnas do Colexio Plurilingüe Maristas Santa María visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e o humidal das Areeiras de Sandiás

Preto de 80 alumnos e alumnas do Colexio Plurilingüe Maristas Santa María de Ourense visitaron o pasado luns 24 de marzo o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e o patrimonio xeolóxico, etnográfico e ornitolóxico do humidal artificial das Areeiras de Sandiás. Acompañados polos seus educadores, realizouse este roteiro didáctico ambiental.

A visita guiada na Casa da Lagoa e nas Areeiras de Sandiás foi intensa, desenvolveuse en dous grupos e tivo unha duración de case catro horas. A guía correu a cargo de Álex de los Ríos, guía especializado en historia con ampla experiencia didáctica, e de Pepe Gándara, coordinador do centro de interpretación.

Visita á Exposición Permanente do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela

A visita comezou co visionado de tres pezas audiovisuais sobre diversos aspectos do humidal natural da Lagoa, o humidal artificial das Areeiras e o patrimonio etnográfico do Concello de Sandiás. A continuación, percorremos varias salas da planta baixa e alta.

Fíxose referencia á Lagoa en xeral e ás súas dimensións, analizando diversas fotografías históricas, o uso das barcas e os proxectos de desecación. Tamén se abordou a xeografía mítica (os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela), cunha rápida mención a diversas lendas e contos, como o da Cidade de Antioquía.

Despois de breves referencias ao folclore, á etnografía e ás economías perdidas da Lagoa (comercio de ras, samesugas, ovos, peixes), tratáronse aspectos de xeografía cultural aplicados á Lagoa de Antela, cunha reflexión xeral sobre toponimia. Na planta alta repasouse con detalle a fauna e flora típica da Lagoa de Antela e o alumnado puido manipular recursos interactivos relacionados coa migración das aves.

Visita “in situ” dunha areeira e do observatorio ornitolóxico da Casa dos Terróns: patrimonio xeolóxico-mineiro, sistemas de explotación e claves de identificación de aves

Visitouse unha das areeiras en explotación e, baixo a guía do responsable Toño Mirana, recibiron información precisa sobre o sistema e proceso de explotación da mesma. Houbo referencias á xeomorfoloxía, ao corte estratigráfico da zona das areeiras, ao sistema de explotación industrial e tamén á fase de abandono e restauración ambiental.

Tamén visitaron o observatorio ornitolóxico 2 (Casa dos Terróns), exemplo de arquitectura tradicional sustentable en terra. Recibiron información acompañada de fichas didácticas e ilustracións sobre as palafitas e os terróns ou “felpas”, mestura de terra e do xunco denominado beón. Puxeron observar cegoñas, cormoráns e varios mergullóns. Entregouse ao alumnado un listado e claves para a observación das aves, así como indicacións para facelo en pequenos grupos.

Cecais nun futuro próximo estas pezas dispersas dos cráteres —ou, como alguén lles chamou, “o minifundismo da auga”— poidan volver configurar un novo humidal artificial, herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural denominado Lago Beón.

Moi satisfeitos quedamos na Casa da Lagoa, e moitas grazas pola vosa visita e interese. Agardamos que fose de proveito e que volvedes noutras ocasións con máis calma, pois o que nos ten que contar a Lagoa de Antela dá para moito máis.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?