Quince alumnos e profesores do ciclo de Forestal e Agraria do IES Cidade de Antioquía visitaron o centro de interpretación da Lagoa de Antela

Quince alumnos e alumnas e profesores visitaron o mércores, 22 de xaneiro, o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela. A visita guiada na Casa da Lagoa tivo unha duración de unha hora e media e foi dirixida por Pepe Gándara, coordinador da “Casa da Lagoa”.

A visita comezou co visionado de tres pezas audiovisuais sobre diversos aspectos do humidal natural da Lagoa, o humidal artificial das Areeiras e o patrimonio etnográfico do Concello de Sandiás. Os asistentes coñeceron a Lagoa de Antela por medio de reproducións de cartografía e imaxes históricas, ademais de recibir información sobre os proxectos de desaugamento da lagoa. Visionaron tres proxeccións sobre a xeografía dos pobos dos Límicos e o valor ecolóxico da Lagoa de Antela.

Abordáronse temas relacionados coa lagoa en xeral, como as súas dimensións, a análise de varias fotografías históricas, o uso das barcas e os proxectos de desecación. Tamén se tratou a xeografía mítica (os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela), facendo referencia a diversas lendas e contos, como o da Cidade de Antioquía. Despois, fíxose unha breve alusión ao folclore, á etnografía e ás economías tradicionais da lagoa (comercio de ras, samesugas, ovos, peixes). Por último, tratáronse aspectos de xeografía cultural aplicados á Lagoa de Antela, reflexionando sobre a súa toponimia (os chamadoiros da lagoa).

Pola falta de tempo, non foi posible realizar a visita guiada doutros aspectos interesantes, como a xeomorfoloxía da lagoa, os procesos de desecación e concentración parcelaria, e coñecer con máis detalle varios proxectos de restauración medioambiental nas Veigas de Vilaseca, Gomareite e no humidal das Areeiras de Sandiás.

Na Casa da Lagoa quedamos moi satisfeitos coa visita. Moitas grazas polo voso interese e esperamos que a experiencia fose proveitosa. Agardamos que voltedes na primavera ou no verán, pois a Lagoa de Antela ten moito máis que contar.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?