Sandiás abre o Nadal cun concerto do coro de cámara “Madrigalia” vencellando música, patrimonio e veciñanza

A música terá o seu protagonismo no Nadal de Sandiás. Abrirá o Nadal co I Concerto de Coro de Cámara “Madrigalia” (A Coruña) cun programa musical de Nadal con perspectiva de xénero, tanto no que respecta a autoría das obras como a súa interpretación. Celebrarase nunha magnífica contorna onde serán protagonistas a boa sonoridade da nave central, o retablo do famoso escultor Francisco de Moure e a porta central de estilo manuelino da Igrexa de Santo Estevo, un dos conxuntos entre tardogóticos e renacentistas máis emblemáticos do concello.

O Concello de Sandiás convida a todos os veciños e veciñas, o xoves 22 de Decembro, ás 19.00 h con entrada libre, a asistir á actuación do coro de cámara Madrigalia na Igrexa Parroquial de Santo Estevo.  Este concerto abre os festexos do Nadal reforzando a comunidade veciñal e gozando dos beneficios físicos, culturais e humanos da música en directo. Música e cantos que enchen de emoción a alma e que constrúen un mundo mellor.

O coro de Cámara “Madrigalia” está formado por coralistas, algúns deles cantores profesionais que, baixo a dirección de profesores de alto nivel, buscan unha coidada interpretación das obras que programan. O programa do concerto está composto por 12 obras. Xunto cos coristas e cantores profesionais, destaca a pianista Tatiana Prjevalskaya e a directora e soprano solista, Clara Jelihovschi.

Madrigalia cantou nas salas e templos máis prestixiosos: Palacio da Ópera da Coruña, Teatro García Barbón de Vigo, Catedral de Santiago de Compostela, Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, tomando parte en múltiples ciclos de música e intervindo en numerosos concertos organizados polo Concello e pola Deputación da Coruña.

 

 

 

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?