O Concello de Sandiás ven de compartir coa Sociedade Galega de Historia Natural o Día dos Humidais e os 50 anos de existencia da mesma cunha visita guiada polo complexo húmido Limia-Antela polo seu presidente Serafín e os membros da Sección Antela, Marcos e Isabel aos traballos realizados pola sección Antela da devandita sociedade científica. Reunímonos ao redor de 40 participantes o sábado 4 de febreiro de 2023.
A mañá dedicámola á primeira visita na Veiga de Vilaseca ou “Humidal Antonio Villarino” onde puidemos observar os traballos de limpeza e restauración realizados. A segunda visita foi á Veiga de Gomareite, espazo rehabilitado para a conícora, a pillara e as cegoñelas.
Pola tarde, despois dunha comida compartida, visitamos As Areeiras. Un primeiro proxecto denominado “Poza das Conícoras” onde se suavizaron os noiros verticais e creáronse desniveis para xerar illotes arenosos onde a avifauna descanse, críe e aliméntese, ademais dos labores de limpeza. O segundo proxecto visitado foi o denominado “Poza dos Arieiros”, onde se pode atopar epidularia e anduriñas das barreiras, entre outras especies.
Finalmente, xa no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela puídose realizar unha visita lóstrego e concluír o denso día cun saúdo do alcalde Felipe Traveso e unha magnífica conferencia de Serafín González, presidente da SGHN titulada “O Complexo Húmido Limia-Antela”. A conferencia foi seguida dun amplo diálogo sobre temas tan diversos como os regadíos, o afundimento do terreo coa desecación progresiva do espazo e o empobrecemento do mesmo, as intencións do MITECO e a situación actual do Proxecto Sectorial das Areeiras. Ademáis, para o Centro de Interpretación da Lagoa, estas sinerxias entre unha sociedade cientifica e a función divulgadora da Casa da Lagoa son moi importantes xa que a experiencia compartida posibilita a posta ao día do discurso didáctico e a museística, sempre en beneficio dos visitantes.
Moitas grazas a tódolos participantes, especialmente a Isabel, Marcos e Serafín en representación da SGHN por compartir unha rica e fantástica xornada de aprendizaxe sobre o terreo e de convivencia.