O Concello de Sandiás na sede do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela acolle unha charla-obradoiro da campaña “Toponimízate” o venres, 20 de xuño ás 20.00 h. Unha iniciativa da Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
A campaña chega agora ao Concello de Sandiás en forma de palestra para animar a toda a veciñanza da bisbarra a contribuíren coas súas achegas a preservar tan prezado patrimonio colectivo. Nomes de leiras, montes, fontes, penedos, regueiros… Calquera achega é benvida para completar o mapa que salvagarda a microtoponimia e non se perda.
- Vicente Feijóo, coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, explicará o valor e importancia cultural dos nomes dos lugares e significado dos topónimos que forman parte da paisaxe vital da veciñanza das aldeas de Sandiás e os veciños colaborarán na recollida de ditos nomes.
- Ensinarase ademais como se emprega a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder. Esta plataforma leva recuperado máis de 78.000 microtopónimos galegos.
“Toponimízate” tamén promove a participación da comunidade nun proxecto cultural común, interxeracional, en prol dun sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade. Acude para coñecer o proxecto e para axudar a recuperar eses nomes e que a nosa historia non se esqueza.
Achégate a descubrilo o venres 20 de Xuño ás 20.00 h no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela!