Sandiás e o Val de Antela na obra escrita «A limia…» de Elixio Rivas para celebrar o Día do Libro e a importancia da tradición oral

Todo é posible cando nos poñemos a ler. Bo día para coñecer e gozar sobre o noso concello de Sandiás e o complexo Limia-Antela, relendo ou comezando a ler algo. Do mesmo xeito que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth que percorreu Galicia a finais da década de 1970 para escoitar as xentes cantar, especialmente cantareiras, e gravar eses cantares, transcribilos e publicalos tamén Elixio Rivas fixo un gran traballo de campo recollendo moita tradición oral aunque non fora musicada durante moitos anos polo val do Medo e de Antela publicando os resultados das colleitas nun libro de preto oitocentas páxinas e  titulado “ A Limia. Val da Antela e Val do Medo” no ano 1980 e polo cal recibiu o Premio Otero Pedrayo. Este é o libro que vos convidamos a ler ou re-ler.

Para aqueles que non se animen con tantas páxinas, o ano pasado publicouse un monográfico adicado a Don Elixio Rivas e a súa obra no nº 49 da Revista Raigame á vosa disposición na Biblioteca Municipal do Concello.  Entre as diferentes sinaturas interésanos no que se refire a Sandiás e o Val da Antela a de Delfín Caseiro que leva por titulo “A Limia de Don Elixio”. Achega nelas exemplos da riqueza lingüística e das particularidades idiomáticas locais (“xaramea”, “lamagorza”); da paisaxe da Antela e da mutitude de bichoada (“samexugas”), da época pre-romana (os palafitos (“piornos”, “cortellos”), antas, mámoas (“mamuela”), castros (monte Pendón en Piñeira de Arcos), gravados (o petróglifo do Penedo da Cabra en Piñeira de Arcos) e cerámicas non Castro de Sandiás; da época romana (a Vía Nova cruzando a Lagoa de Antela, os Miliarios de Zadagós, Vilariño das Poldras, a ara romana de Sandiás).

Tamén se mencionan historias de mouros e encantos (o túnel do castelo de Sandiás, a moura peiteada do Monte das Cantariñas); referencias á agricultura antiga (“palla aurea”, cultivo do liño); descricións das aldeas (Sandiás, antes “Vilar de Sandiás”); a xente e os oficios medievais; cantigas, adiviñanzas e refráns; lendas e contos (a cidade asolagada de Antioquía, Santa Mariña criada pola súa aia, veciña da aldea de Piñeira de Arcos); diversos aspectos folclóricos e etnográficos (referencias a costumes, patróns como San Bieito da Uceira, festas como o Entroido e o Nadal), etc.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?