O Concello de Sandiás estivo presente o pasado 14 de maio nas Xornadas de Museos “Cada vimbio conta”, unha iniciativa centrada na creación de redes de colaboración e na posta en valor do patrimonio cultural da provincia de Ourense.
O concelleiro de Cultura e coordinador do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, Pepe Gándara, participou nesta cita cun relatorio sobre a “Casa da Lagoa” de Sandiás, compartindo a experiencia deste espazo como referente na divulgación da memoria e da riqueza natural do complexo húmido Limia/Antela, particularmente da antiga Lagoa de Antela.
As xornadas estiveron organizadas pola Universidade de Vigo, a Deputación Provincial de Ourense, o Museo do Pobo Galego e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, contando ademais coa colaboración de especialistas e profesionais do ámbito museístico.
Baixo o lema “Retos compartidos”, o encontro busca impulsar os museos da provincia, crear sinerxías de colaboración e dinamizar o patrimonio cultural ourensán. Nesta edición participaron tamén o Museo da Emigración de Quintela de Leirado e a Colección Museográfica da Casa do Chocolate de Teimende con aportacións moi interesantes.
Trátase dun programa pioneiro que sitúa á provincia de Ourense á vangarda galega da museoloxía. As actividades desenvólvense entre os días 5 e 21 de maio a través de xornadas técnicas e actividades repartidas por diferentes localidades como Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado, A Pobra de Trives e Amoeiro.
O principal obxectivo desta iniciativa é favorecer o coñecemento mutuo entre os espazos museísticos identificados na provincia, promovendo dinámicas de colaboración e intercambio de experiencias entre os seus responsables e traballadores.
Desde o Concello de Sandiás agradécese que o proxecto institucional que se pon en marcha contase co Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e tamén destaca a importancia de sumar esforzos para poñer en valor o patrimonio local, lembrando que “o vimbio de Sandiás tamén conta” e que coñecerse é o primeiro paso para conectarse e construír proxectos culturais de futuro.







