Este xoves, 28 de novembro, o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, acompañado por parte do seu equipo de goberno, recibiu a visita do subdelegado do Goberno, Eladio Santos Martínez, para reactivar a demanda dunha rotonda no cruzamento da N-525 coa estrada da aldea de Couso de Limia.
Xa o anterior subdelegado, Emilio González, afirmara o pasado ano: “Comprometémonos a estudalo e valoralo”. Hoxe, Eladio Santos mostrouse moi receptivo, vinculando a necesidade da rotonda coa seguridade viaria neste tramo e na travesía da N-525.
Felipe Traveso demandou tamén durante a reunión cuestións moi concretas, como a instalación de varandas en diferentes tramos de beirarrúas na aldea de Sandiás e a creación dun paso de peóns na aldea de Piñeira de Arcos, ao carón dos semáforos. Tamén se abordou o tema das vivendas sociais, para as cales existe unha liña de subvencións promovida polo Goberno da Nación.
O alcalde valorou o encontro como moi interesante e produtivo. A visita ao Concello de Sandiás completouse cun amplo percorrido polas magníficas vistas do Pico Costoira e o fermoso espazo da Ermida de San Bieito da Uceira. Felipe Traveso espera que estas demandas se materialicen nun futuro próximo.