Sandiás pon en valor a arquitectura de terróns no Día Internacional dos Monumentos e Sitios

O Concello de Sandiás celebra o Día Internacional dos Monumentos e Sitios pondo  en valor a arquitectura tradicional de terróns en terra firme, un patrimonio singular que aínda resiste o paso do tempo en distintas aldeas da contorna.

Estas construcións, coñecidas tamén como “felpas”, están representadas principalmente por casas e palleiras elaboradas a partir da mestura das terras das veigas e das raíces de plantas diversas, materiais propios do entorno da antiga Lagoa de Antela. A súa presenza é especialmente destacable nas aldeas da parte occidental do que foi este espazo natural, como Chousela, Zadagós, A Corga, Lavandeira, A Ladeira, Santa Ana, O Castro, As Pegas, Sandiás, Coalloso, Arcos, A Fontela ou Cardeita, entre outras.

Os habitantes da zona levantaron estas edificacións aproveitando os recursos dispoñibles. Os terróns, en forma de paralelepípedos, eran extraídos das áreas enchoupadas próximas á lámina de auga da lagoa. No verán, coincidindo coa baixada do nivel da auga e co pastoreo do gando, procedíase á sega das plantas e ao marcado dos bloques, que logo eran extraídos con aixadas. As raíces de especies como o uñagato, xuncos (especialmente o beón), xonzas, campaneiras, galos de pita ou colas de cabalo quedaban integradas nos terróns, actuando como unha sorte de armadura natural.

As tipoloxías destas construcións son diversas, desde estruturas máis arcaicas, feitas unicamente con terróns e sen basamento, ata outras máis evolucionadas con elementos de madeira ou con base de pedra e piares de granito.

A chegada do ladrillo como material construtivo e a desecación da Lagoa de Antela supuxeron o declive destas edificacións, das que na actualidade só se conservan algúns exemplares, na súa maioría de carácter privado e en diferente estado de conservación.

Desde o Concello sublíñase a importancia de preservar este legado como exemplo de arquitectura sustentable e adaptada ao medio. Neste sentido, recórdase tamén a referencia histórica recollida por Urbano Santana no “Resumo Xeral de Folklore de Sandiás”, publicado na revista Nós en setembro de 1931, onde xa se mencionaban estas construcións, destacando a presenza de palleiras de terróns: (…) As casas son todas de pedra (granito) eos techos cubertos de tella; pero, principalmente en Cardeita, e algo n’as Pegas, hay palleiras de terrós e cubertas con palla; pero ésta (empréase máis en cubertizos pra meter leña y’o carro (…)

A posta en valor deste patrimonio busca concienciar sobre a súa relevancia cultural e histórica, así como promover a súa conservación para as xeracións futuras.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.