Sandiás pon en valor o Camiño do Sudeste (Vía da Prata) ao seu paso polo Concello con diferentes iniciativas

O Camiño de Santiago ao seu paso por Sandiás

Sandiás  é un dos moitos  concellos polos que pasa o Camiño do Sudeste – Vía da Prata, e isto ponse en valor no marco do Programa Cultural Xacobeo 2021-2022, que promociona o devandito camiño cun amplo catálogo de actividades de diferente natureza e para todos os públicos. No noso Concello, faise baixo o paraugas dun programa cultural denominado «Sandiás, encrucillada de camiños e camiñantes: entre romanos, irmandiños, fidalgos e peregrinos».

Ademáis dos novos tramos de senda peonil e o seu acondicionamento como variantes ao trazado oficial do camiño, conseguidos a través da Axencia de Turismo de Galicia no ano 2020 e que permitirán que o percorrido gañe en seguridade e beleza natural, o Concello conta cun plan amplo de actividades para a promoción do camiño.

As primeiras, activadas no mes de abril e maio, foron a inauguración e promoción da ruta de  avistamento de aves  pola zona das  Areeiras de Sandiás -por onde pasa unha das novas variantes do Camiño de Santiago-, as visitas guiadas planificadas con guías profesionais ao patrimonio viario do camiño máis significativo, como foron as visitas guiadas a Igrexa de Santo Estevo -polo seu V Centenario- ao longo dos meses de abril, maio, xuño e xullo, e as II Visitas guiadas ao Pazo e Pombar do Telleyro, en Couso de Limia, afondando na fidalguía e na cultura pacega, e que tiveron un resultado moi exitoso.

Ao longo do mes de xullo e agosto comezaron as actividades para os rapaces e  rapazas do Campamento de Verán Concilia 2021, que durarán ata setembro. Entre as moitas que se van a levar a cabo durante  case tres meses, hai varias específicas sobre a posta en valor do camiño de Santiago. Destacan o visionado de vídeos promocionais do Camiño realizados pola Xunta de Galicia, a actividade de colorear mapas de  camiños de Ourense utilizando materiais didácticos varios, o quebracabezas da Vía da Prata/Roteiro Mozárabe, o xogo en equipo sobre o  coñecemento  do Camiño de Santiago e a visita ao albergue de Sandiás para coñecer unha institución hospitalaria ao servizo dos peregrinos e experimentar como se realiza a acollida contemporánea aos mesmos.  Finalmente, e non menos importante, a realización dunha andaina por un tramo dunha das variantes  do  camiño, polo paraxe denominado “A Nogueira” ata a aldea de “Piñeira  Da Riba”,  onde o  camiño  xa colle cara San Salvador dos Penedos (Allariz). Nesta andaina infantil recollerán lixo, coñecerán o patrimonio natural, o patrimonio histórico e etnográfico (ermidas, fontes, muíños, pontillóns) e o patrimonio inmaterial (lendas), Ademais, terán a oportunidade de coñecer unha iniciativa dos rapaces e rapazas de Piñeira da Riba que denominaron “O Museo do Camiño”.  Tamén  farán  unha  avaliación do Camiño achegando as fortalezas e as debilidades do mesmo, e trasladarán estas conclusións ao alcalde  do  Concello nunha sesión de pleno ou parlamento infantil.

No mes de agosto, lévanse a cabo actividades para todos os públicos, que comezaron cunha exposición na Casa da Cultura de 25 láminas coa técnica da pluma estilográfia, e que leva por título “Os camiños da vida”, baixo a autoría de Manuel Traveso, da aldea de Vilariño das Poldras. O obxectivo desta exposición é poñer en valor os produtos artísticos que xurdiron ao carón do camiño.

Continuarán as actividades coa realización dun vídeo que presentará a visión do camiño a vista de paxaro e concluirán cunha andaina aberta a todos os públicos polo Camiño de Santiago ao seu paso por Sandiás en seis tramos, algúns deles polas distintas novas variantes. Algúns dos temas e teimas que se presentarán teñen relación coa toponimia dos lugares de paso, patrimonio natural, etnográfico, arquitectónico, lendas, fontes, petroglifos e castros, entre outros. Organizaránse grupos burbuxa cun guía propio. Ademáis de por en valor o camiño, trátase dunha actividade saudable que pretende fomentar a convivencia entre veciños e non veciños nun contexto de post-pandemia. Haberá petiscos nas zonas de avituallamento establecidas e farase tamén unha visita ao Albergue de Peregrinos para que os asistentes coñezan as reformas levadas a cabo.

De cara o autono, realizarase a presentación da sección de turismo do sitio web do Concello de Sandiás, onde aparecerán unha selección de “lugares de interese” con documentación histórica, fotográfica e xeográfica, así como visións 360 graos e un mapa turístico interactivo.

No mes de  setembro e outubro,  levarase a cabo o curso formativo de sensibilización, “Como  chegar  ben e gozar  do  Camiño.  Previr o dano cerebral no Camiño de Santiago (traumatismos, ictus…)”, impartido por FEGADACE (Federación Galega do Dano Cerebral) e a presentación da publicación sobre o camiño de Santiago do autor Edelmiro Luis Mateo García, moi valorado profesional e artísticamente en Verín, que falará sobre o seu libro recén publicado “O instinto de Alazán”.

Por último, tamén se aprobou en equipo de goberno a solicitude conxunta, co Concello de Xinzo de Limia, dunha subvención á Conselleria de Emprego e Igualdade, para a realización dun Obradoiro de Emprego denominado “Obradoiro de emprego na Vía da Prata”, cunha duración de 9 meses e que contaría con 16 alumnos/as traballadores. Contémplanse módulos de albanelaría, xardinería e zonas verdes.

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?