Álbum fotográfico recordatorio do traballo feito nas áreas recreativas, cunetas de estradas e núcleos urbanos
O Concello de Sandiás está a acometer finalmente durante os meses de agosto e setembro os traballos de limpeza e desbroce, especialmente na rede de camiños forestais dos montes que conectan os diferentes núcleos de poboación, coa intervención de dúas brigadas forestais.
Con anterioridade, durante os meses de maio, xuño e xullo, leváronse a cabo traballos de limpeza e roza con tractor desbrozador, así como a posta a punto das áreas recreativas e a limpeza dos núcleos urbanos das aldeas do Concello. Quedaba por informar, a través dun álbum fotográfico representativo, da totalidade dos traballos que se estiveron a realizar durante os meses de verán nestes dous sectores.
Actuacións nos meses de agosto e setembro na rede de camiños coas Brigadas Forestais
Nas corredoiras, camiños de carros, camiños de monte —na súa meirande parte en desuso debido ao abandono dos montes—, canellas ou corredoiras moi estreitas e por vereas ou corredoiras anchas levan traballando durante dous meses as dúas Brigadas de Prevención e Defensa contra Incendios. Deixamos unha ampla mostra das súas actuacións en camiños que poden parecer similares, pero que conteñen numerosas singularidades, como a súa estreiteza, os muros de acotamento construídos con pedra a xunta seca, as curvas de trazado meandriforme ou as carballeiras que proporcionan agradecidas sombras, entre outras características.
De momento, as brigadas limparon os camiños situados en torno a Vilariño das Poldras, que remata en Cerredelo, e outro en dirección a Couso, ao carón da Remesilla, en dirección a Vilar de Santos. Tamén actuaron nos camiños situados ao carón de Couso en dirección á Igrexa, nos da subida ao San Bieito, no camiño dos muíños pola pista da fonte e do Regueiriño e nos que conducen ao Monte Cantariñas. En concreto, os traballos realizáronse no camiño das Cabras (Couso-Vilariño), camiño da Mourista (Cerredelo), camiño do Regato (O Regueiro), camiño a Casteaus (Cerredelo), camiño desde Cerredelo ata Vilariño das Poldras, camiño ao carón do Pozo do Rouso e arredores (O Castro), camiño do Forno (Cerredelo), Taque da Aldea de Cerredelo, depuradora de Cardeita e depuradora de Sandiás.
Ultimamente, as brigadas están a traballar no camiño da Nogueira, camiño do Castrón (Novaíño), camiño da Verea Bella á altura da Nogueira en dirección á Ponte, camiño da fonte da Castiñeira (A Fontela), camiño do Bosque (A Fontela), camiño á depuradora da Fontela, camiño do Bouzo (Piñeira), camiño de A Pedreira (Piñeira), camiño da Remesilla (Couso) e camiño de A Pega (Piñeira), entre outros.
Normativa de limpeza da biomasa en torno ás casas
Finalmente, cómpre indicar que se recordou de novo a importancia da limpeza da contorna das casas e das áreas de biomasa situadas arredor das aldeas, seguindo as normas establecidas mentres estas non sexan modificadas.
Respecto da limpeza na contorna das vivendas, cómpre lembrar que a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, establece faixas e perímetros de protección de 50 metros.
A Lei de Incendios obriga aos propietarios e propietarias á limpeza dos terreos e fincas comprendidos neste perímetro de 50 metros desde edificacións e vivendas. Tal e como indica o bando do Concello, esta obriga afecta ao espazo «perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións destinadas a persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor de edificacións illadas destinadas a persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte».
Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros mencionada non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, como o eucalipto ou varias variedades de piñeiro, entre outras. Estes requisitos deberán cumprirse antes de que remate o mes de maio de cada ano, mentres non se modifiquen as normas establecidas pola Xunta de Galicia.
Así mesmo, en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAM e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, lémbrase que o Concello de Sandiás ten como parroquia priorizada a de Sandiás (San Estevo). Este convenio permite formalizar contratos de xestión de biomasa coa empresa SEAGA cun custo reducido de 420 euros por hectárea e ano. Os titulares das parcelas ou representantes que desexen acollerse á limpeza das zonas das parroquias priorizadas poden achegarse ao Concello, onde dispoñen dun modelo de contrato que deberán cubrir e onde serán informados dos predios e da superficie afectada.
Sesión informativa e formativa ao comezo do verán. Programa Local de Aldeas Seguras: I Xornada formativa: Xestión da biodiversidade vexetal
Finalmente, tamén se pon en valor a primeira sesión informativa e formativa que se desenvolveu na Casa da Cultura de Sandiás, que levou por título “Do monte limpo á xestión da biodiversidade vexetal: veciñanza e expertos únense en Sandiás para avanzar na protección das aldeas fronte ao lume”. Na xornada participaron o bombeiro forestal Tomás Báez; o alcalde, Felipe Traveso; José Manuel Gómez, “Cazolas”, presidente da Xunta de Montes de Piñeira de Arcos; e Fernando Gándara, presidente de Protección Civil de Sandiás.