Trece alumnos e alumnas, acompañados pola súa profesora Fátima, visitaron o mércores 26 de marzo o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela. A visita guiada na Casa da Lagoa tivo unha duración de dúas intensas horas e foi conducida por Pepe Gándara, coordinador da “Casa da Lagoa”.

A visita comezou coa proxección de tres pezas audiovisuais sobre diversos aspectos do humidal natural da Lagoa, o humidal artificial das Areeiras e o patrimonio etnográfico do Concello de Sandiás. Introducíronse na Lagoa de Antela a través de reproducións cartográficas e imaxes históricas, e recibiron información sobre os proxectos de desaugamento da lagoa. Visionaron tres proxeccións sobre a xeografía dos pobos dos límicos e o valor ecolóxico da Lagoa de Antela.
Fíxose referencia á lagoa en xeral e ás súas dimensións, analizáronse varias fotografías históricas, o uso das barcas e os proxectos de desecación e de concentración parcelaria. Tamén se tratou a xeografía mítica (os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela), facendo unha breve referencia a diversas lendas e contos, como o referido á Cidade de Antioquía. Despois de mencions ao folclore, á etnografía e ás economías perdidas da lagoa (como o comercio de ras, samesugas, ovos ou peixes), abordáronse aspectos de xeografía cultural aplicados á Lagoa de Antela, incluíndo unha reflexión sobre a toponimia (Chamadoiros da Lagoa).
Tamén se trataron outros aspectos de interese, como a xeomorfoloxía da lagoa, os procesos de desecación e concentración parcelaria, e varios proxectos de restauración medioambiental nas Veigas de Vilaseca, Gomareite e no humidal das Areeiras de Sandiás, exemplificando con especies de flora endémica.
Quizais nun futuro próximo, estas pezas dispersas dos cráteres ou, como alguén lle chamou, “o minifundismo da auga”, poidan volver configurar un novo humidal artificial, herdeiro do xa mítico sistema lagunar natural denominado lago Beón.
Desde a Casa da Lagoa quedamos moi satisfeitos e agradecidos pola vosa visita e polo interese mostrado, esperando que fose de proveito. Agardamos que veñades noutras ocasións con máis calma, pois o que nos ten que contar a Lagoa de Antela dá para moito máis.