Unha mañá de visita guiada pola Limia-Antela: da casa da lagoa ao menchir da pedra alta, entre areeiras, granxas e o salto á agricultura ecolóxica

11 profesores valencianos de Formación Profesional das área Agroforestal e Ambiental visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e a Conca da Limia

 

Once profesores valencianos que traballan na Formación Profesional nos ciclos Agroforestal e Ambiental visitaron o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela e a Conca da Limia. Na última semana do mes de Abril viñeron  de xeira pola provincia de Ourense ao longo dunha semana. Entre outros lugares visitaron o Castro de Armea, Santa Mariña de Augas Santas o Festival Internacional de Xardíns  e o Espazo Ecolóxico O Rexo en Allariz e tamén o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela con moito interese por coñecer o que pasou en tempos pasados coa Lagoa de Antela e a situación actual visitando  varios puntos da conca da Limia.

A visita guiada por Pepe Gándara, coordinador do Centro de Interpretación comezou cunha breve presentación do colectivo, da Casa da Lagoa e do plan de visita. Fíxoselle entrega dun  libro agasallo relacionado co debate entorno o Forum Limicorum.  A visita guiada desenvolveuse entre as 9.00  h e as 14.45 h.

Visionado do audiovisual sobre a Lagoa de Antela

Comezou o visionando dun audio-visual sobre diversos aspectos do humidal natural da Lagoa de Antela. Introducíronse na Lagoa por medio de reproduccións de cartografía e imaxes históricas e informáronse dos proxectos de desaugamento da mesma. Fíxose referencia a lagoa en xeral e as súas dimensións. Tratáronse os proxectos de desecación a través de imáxenes históricas dinámicas e a xeografía mítica ( os espazos e habitantes imaxinarios da Lagoa de Antela. Tratáronse tamén aspectos de Xeografía Cultural aplicados a Lagoa de Antela, facendo unha reflexión xeral sobre toponimia local e recuperación da memoria da terra.

Comprender a transformación  da paixaxe da conca da Limia: procesos xeolóxicos implicados, desecación da Lagoa no franquismo e proceso de concentración parcelaria co Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario (Iryda) e a Xunta de Galicia.

Foi a sesión máis intensa no Centro de Interpretación cunha duración de preto de dúas horas. Analizáronse os topónimos da Lagoa e a diferenza entre complexo húmido Limia/Antela e Lagoa de Antela así como entre o que é lagoa natural e humidal artificial así como as figuras de protección na zona. Pasouse revista ás representacións gráficas da Lagoa da xeración Nós (Otero Pedrayo) e do xeógrafo da USC Pérez Alberti.  A continuación analizáronse polo miúdo os tres procesos clave que teñen que ver coa conca da Limia e a transformación radical da paisaxe e dos usos do territorio: o proceso natural xeolóxico de formación da conca da Limia (un primeiro momento de desecación da lagoa foi un fenómeno de natureza xeolóxica), o proceso de desecación da Lagoa de Antela co Estado Franquista na época do desarrollismo económico e o proceso de concentración parcelaria que modificación o paisaxe tradicional da zona.

Análise xeolóxica da conca da Limia dende o mirador da Torre do Castro

A xeoloxía tamén forma parte do patrimonio natural e xoga un papel moi importante porque condiciona unha zona e con elo o clima, a flora, fauna e modo de vida dos habitantes. A Limia Alta conta con varios lugares de interese xeolóxico. A primera visita sobre o terreo fíxose ao mirador da Torre do Castro para poder contemplar directamente a conca da Limia en toda a súa extensión. Analizáronse polo miudo os procesos xeolóxicos, o corte estratigráfico do solo da lagoa, o anfiteatro e os seus tres niveis (serras, outeiros e chaira). Contemplouse a división da conca entre a parte occidental (onde estaba situada a Lagoa) e parte oriental dividida polos montes de Pena e Baronzás entre outros así como a inclinación dos terreos agrícolas na parte oriental e a zona chaira da occidental onde destacan as aldeas  máis antigas da Lavandeira, Zadagós, etc.

Visita “in situ” ás explotacións de Area na Limia no territorio que abrangue o Concello de Sandiás

En primeiro lugar xa se lles puido anunciar unha boa noticia: a publicación oficial do Proxecto Sectorial de incidencia Supramunicipal das areeiras da Limia  nos Concellos de Sandiás e Vilar de Santos despois de case medio século dunha situación alegal nas explotacións do devandito espazo natural. Con este proxecto establécese un marco de normas para as explotacións, normas para a preservación ambiental e  para os posibles espazos reservados a actividades lúdicas. Visitouse unha das areeiras en explotación co permiso do propietario e os participantes recibiron información precisa do sistema de proceso de explotación da areeira. Houbo referencias a xeomorfoloxía, a observación e interpretación de cráteres de antigas explotacións areneras e o proceso que se segue e a maquinaria industrial así como as  medidas que o catálogo de boas prácticas recomenda para a súa correcta renaturalización. Os asistentes tiveron tamén ocasión de contemplar  varios exemplos de areeiras renaturalizadas e a canle de desague principal da Lagoa de Antela nun tramo determinado. Así mesmo, co apoio de láminas didácticas e fotografías, ampliáronse diferentes características xeolóxicas da Limia, o tipo de chans, o comportamento do auga nos mesmos e as súas consecuencias.

Tamén se visitou o observatorio 2 dos Terróns poñendo en valor o patrimonio etnográfico dos terróns ou “felpas” combinación da terra da antiga lagoa de Antela con rizomas de diversas plantas, especialmente xuncos (bión).

Roteiro polo Complexo de granxas na Pedra Alta, monocultivo da pataca , diversificación e producción en ecolóxico, restauración da Veiga de Gomareite e  contemplación da paisaxe segundo a ollada de Otero Pedrayo

 

O roteiro comezou a altura do canle principal na Nacional 525 e ao longo da marxe dereita do mesmo. Acompañamos o roteiro en autobús da contemplación da paisaxe e escoitando textos de Otero Pedrayo sobre o mesmo onde mestura o discurso científico, a poesía e a literatura. Para Otero, a paisaxe é unha combinanción de cores, sons, sensacións e vivencias. Coñeceron directamente o macro-complexo da Pedra Alta e analizáronse as diversas causas da contaminación da conca da Limia e as súas consecuencias. Tamén se analizaron as características dos solos que por ser moi areosos facilitan a aceleración hidráulica e, polo tanto, a contaminación e moito más rápida que noutras concas do Sur de Galicia. Fíxose referencia a o Aeródromo de Antela, ao Hipódromo, o Centro de Investigación Agro-Gandeiro do INORDE e ou seu papel na investigación e combate das pragas. Repasáronse ás economías perdidas da Lagoa (o comercio de ras, peixes, a caza de patos, a recolección de ovos e o comercio de sanguijuelas), comercio de ámbito local, nacional e tamén internacional. Pasouse revista a historia do monocultivo da pataca ao longo de varias xeracións e os recentes procesos de diversificación de cultivos e os primeiros emprendementos de cultivo en ecolóxico. Houbo unha parada obrigada incluída fotografia grupal no menhir Pedra Alta cunha explicación sucinta sobre o mesmo.  Para rematar quedou pendente a visita “in situ” á restauración da Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio) pola Sociedade Galega de Historia Natural pero si abordamos devandito proxecto de restauración nas explicacións do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela.

Moi satisfeitos quedamos na Casa da Lagoa e moitas grazas pola vosa visita e interese mostrado polos participantes que interviron en moitas ocasións facendo apreciacións, aportando información, etc. Esparamos que fose de proveito. Esperamos que veñades noutras ocasións ao longo do ano ou no verán polas tardes de martes a domingo a partir do mes de Xullo pois o que nos ten que contar a Lagoa de Antela da para moito máis.

Buscar
En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Resumo de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros con fins puramente estatísticos, para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.

Se queres saber máis acerca das cookies que utilizamos e o seu funcionamento, convidámosche a que lle botes unha ollada á nosa política de privacidade.