Despois da celebración do V Centenario da Igrexa (1520-2020) onde se levaron a cabo preto de trinta visitas guiadas a Igrexa con gran asistencia de público do concello, da comarca da Limia, da Provincia de Ourense e do resto de Galicia, o Concello de Sandiás volveu organizar este pasado sábado 23 de Agosto a trinta e unha visita guiada a Igrexa tardo-gótica de Santo Estevo por ser un dos símbolos do patrimonio arquitectónico relixioso mais senlleiro de Sandiás.
A visita culminou con preto de corenta participantes provenientes da Comarca da Limia (Xinzo de Limia, Piñeira de Arcos, Sandiás, As Pegas, Couso de Limia, Santa Ana ), Ourense, Barcelona, A Bola, Leiro, Cartelle, etc nunha quenda de mañá executada de maneira maxistral e moi didáctica con ciencia histórica, memoria e imaxinación por Belén Gómez, veciña de Sandiás, con mestrado en Patrimonio e estudosa do retablo do escultor Francisco de Moure.
A visita supuxo unha magnífica oportunidade para descubrir a Igrexa de estilo entre tardo-gótico e renacentista que foi construída antes do 1520 polo meste de cantería portugués Batolomé Nosende. O templo conserva no seu interior o retablo completo renacentista do famoso escultor Francisco de Moure, as portas manuelinas da fachada principal (Oeste) e lateral (Norte) e unha fermosa bóveda de cruzaría. Completa o conxunto un expléndido cruceiro asentado sobre plataforma de grada, con capitel formado de follas de acanto e iconografía co Cristo crucificado e a Virxe das Angustias coas espadas cravadas sobre o peito.
Tamén a memoria e a imaxinación xogaron un importante papel na visita. Belén Gómez pasou revista tamén a algunhas curiosidades e anécdotas relacionadas co templo ao longo do tempo en relación a reutilización do cancel pétreo da igrexa, os peregrinos dos que se fai mención no libro de defuntos do 1546 que están enterrados no campo santo por enfermidade natural e testaron ante notario no propio Sandiás, a planta da Igrexa vella de Xinzo que se fixo a imitación da planta ampla ancha e espazosa como a de Sandiás por indicación do do bispo na súa visita pastoral, a singularidade da torre fortificada con arcos apuntados góticos e restaurada no século XVIII cun custo de 153 reais e moitas máis curiosidades.
Para os interesados en profundizar nas singularidades da igrexa, ao final da visita entregouse un folleto didáctico sobre as características da singular porta manuelina da fachada e unha posible interpretación da súa configuración ornamental. Así mesmo, entregouse un amplo folleto didáctico sobre o retablo único e completo na provincia de Francisco de Moure publicado con anterioridade pola propia Belén Gómez no nº 15 da profesional e consolidada revista Lethes, cadernos de divulgación da Comarca da Limia.