
O Obradoiro de Emprego 2025 é unha iniciativa impulsada a través do convenio de colaboración entre os Concellos de Xinzo de Limia e Sandiás, reafirmando unha vez máis a importancia da cooperación intermunicipal no desenvolvemento de proxectos de formación e inserción laboral.
Este programa, que se desenvolverá por cuarta vez, terá unha duración de 9 meses e ofrecerá formación e prácticas laborais a 20 alumnos/as de ambos concellos. O Concello de Xinzo foi o encargado da súa presentación, tramitación e xustificación.
O obradoiro contará cun equipo técnico especializado e incluirá accións de embelecemento en diversas áreas. As especialidades formativas deste ano serán:
- Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes
- Instalación de elementos e carpintería
Na imaxe, vense aos representantes de ambos concellos, así como ao equipo técnico e ao alumnado participante. Do Concello de Sandiás, asistiron as concelleiras María José Manso e Pilar Cabrera, mostrando o seu apoio a esta iniciativa.
Tras o éxito do anterior Obradoiro de Emprego, que permitiu a revalorización da Vía da Prata ao seu paso por Xinzo de Limia e Sandiás, este novo proxecto busca continuar con obras de acondicionamento no Camiño de Santiago e fomentar novas oportunidades laborais para persoas en situación de desemprego.
Esta iniciativa é unha clara mostra do compromiso de ambos concellos co desenvolvemento local e a creación de oportunidades para a veciñanza.